Unha edición facsímile recompila os primeiros textos etnográficos de Fraguas

O Consello da Cultura Galega analiza a etapa inicial do autor nun libro homenaxe


Santiago / La voz

Os catro primeiros traballos publicados por Antonio Fraguas sobre etnografía conforman o libro homenaxe que o Consello da Cultura Galega edita con motivo do Día das Letras Galegas. Trátase de textos que viron a luz entre 1930 e 1932 en Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega. Antes deles, unicamente publicara xunto a outras persoas un traballo sobre arqueoloxía, segundo destacou Clodio González, autor do estudo crítico e biográfico que acompaña aos artigos.

Con esta edición facsímile da que se publican cincocentos exemplares, o obxectivo foi poñer o acento na súa etapa inicial, antes da Guerra Civil, con textos en galego, que responden tamén a ese intento do etnógrafo en normalizar a lingua, segundo destacou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez.

O entroido nas terras do Sul de Cotobade, de 1930, é o primeiro texto e nel xa se refire a súa terra natal, iso si, deixando xa fóra unha parte do concello e permitindo coñecer algunhas tradicións do entroido que xa esmoreceran. «Xa fai etnohistoria», destacou Clodio González, que compartiu con Fraguas traballos e proxectos na desaparecida sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura. Un ano despois publicou O culto ós mortos, resumo dunha conferencia que dera en Vigo e no que recolle costumes, ditos e lendas sobre a morte. Tamén en 1931 ve a luz Do folk-lore de Armeses-Listanco, a primeira homenaxe á terra da súa nai e inclúe contos, lendas e un pequeno cancioneiro. A edición facsimilar péchase con As Lêndas da Fonte Pormás, no que fala dunha fonte na freguesía de Castañeda (Arzúa), a carón da estrada Santiago-Lugo. Nel recolle as lendas que lle contan, segundo destaca Clodio González, pero tamén aproveita para introducir cuestións relativas á súa localidade natal. «Revisando toda a súa obra e recollendo todo o que di sobre a súa terra darían para publicar outro libro», afirmou o autor do estudo crítico. Nestes catro artigos, segundo destacaron, séntanse as bases do pensamento de Fraguas, que estarían moi presentes ao longo da súa traxectoria.

Roteiro sobre o etnógrafo

Ademais da publicación, onte tamén se deu a coñecer o Roteiro Antonio Fraguas, un itinerario que percorre a vida e a obra do etnógrafo en preto de corenta paradas polas provincias de Ourense e de Pontevedra. A iniciativa, que forma parte do Proxecto Roteiros do Consello da Cultura, está pensada para facer en 48-72 horas «e aporta unha visión única e excepcional de don Antonio e da súa obra», incidiu Manuel Gago. Inclúe paradas, entre outros puntos, en Tenorio, Beariz, Terra de Montes, O Carballiño, Maside, A Estrada ou o pazo de Oca. O portal aporta, ademais, numerosos artigos relacionados con cada un destes lugares. Para completar a programación ligada ás Letras Galegas, o Consello da Cultura tamén organizará o día 16 un concerto homenaxe a Fraguas no Auditorio de Galicia con SonDeSeu.

O presidente o Padroado do Museo do Pobo Galego e da Fundación Antonio Fraguas, Justo Beramendi, destacou que haberá novas colaboracións co Consello da Cultura vinculadas á figura do etnógrafo, xa que no outono celebrarase un simposio centrado no homenaxeado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Unha edición facsímile recompila os primeiros textos etnográficos de Fraguas