Dios Ke Te Crew, rap con mensaxe máis alá dos tópicos

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Dios Ke Te Crew publican o álbum «O ciclo da serpe»
Dios Ke Te Crew publican o álbum «O ciclo da serpe» a. l. crego

O grupo de Ordes publica novo álbum, «O ciclo da serpe»

11 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O que semella unha desas construcións anónimas nesa Galicia onde o vilego e o rural se mesturan, rodeada de repolos, camelias e leiras, agocha no seu interior o estudio Rapapoulo, o centro de operacións do grupo de rap de Ordes Dios Ke Te Crew e o lugar onde gravaron o seu novo álbum, O ciclo da serpe. Un entorno que semella moi lonxe desas mitificacións urbanas tan propias do xénero. Pero Dios Ke Te Crew e os tópicos casan mal. Afables e de bo humor, Sokram e Mou semellan o máis afastado do estereotipo do rapeiro egocéntrico caricaturizado por De la Soul en Me, Myself & I. «Intentamos non caer no clixé», confirma Sokram, referíndose en concreto ás letras dun disco que presentan este sábado cun concerto en Santiago (Sala Capitol, 21.00 horas). «O noso non é o panfleto. Temos mensaxe nas nosas cancións, pero non somos políticos, non falamos coma eles», engade. «Fuximos da forma directa de dicir as cousas, callan menos», matiza Mou e, acto seguido, Sokram remata: «A retranca. A retranca é a identidade do grupo. Somos reivindicativos, pero con creatividade e humor as mensaxes críticas entran, empatizan e callan co oínte».

Mensaxe non falta en O ciclo da serpe. Con retranca e rimas Dios Ke Te Crew repasan aqueles temas que lles preocupan, dende o auxe da estrema dereita, a chamada «lei mordaza» ou a xestión dos residuos. Son elocuentes títulos como Montaña de lixo ou Plus Ultra. Un retrato da situación local e global, vistas dende o seu particular punto de vista. «Home, non é que nos creamos enviados do Señor, pero si temos algo que dicir da realidade de agora mesmo, que é surrealista», explica Sokram. Esa ollada crítica aparéllase cun envoltorio sonoro que reflicte a carga de anoxo ou mesmo de rabia que moitas situacións inspiran no grupo, arrimando as cancións a esa fusión de hip hop e metal que acadou momentos tan inspirados como o Bring the Noise que xuntou a Public Enemy con Anthrax. «Nós vimos desa época, desa ebulición de finais dos 80 e principios dos 90, que nos impregnou totalmente», lembra Mou. «A nosa época favorita», engade Sokram.

Porén, O ciclo da serpe fai gala dunha variedade, sonora e lírica, que saca partido da versatilidade de Dios Ke Te Crew. No álbum, Mou, Sokram e Jamas vense reforzados por colaboracións vocais como as de Hermano L e Alto Asalto, xunto con achegas instrumentais de El Padre Murdock, Xosé Antonio Ríos, Manu Paino, Martiño D. Mato, Serxio García, Inés Mirás e Javier Pardiñas. Pola súa banda, Miguel de Lira e Felipe González participan interpretando dous sketches que reforzan a vea máis humorística do grupo, que tamén ocupa o primeiro plano en temas como Cacharela ou A cachimba. «É que non estamos enfadados todo o día», xustifica Mou. «O disco represéntanos como somos». 

Ordes 15680

Esas dúas caras tamén son resultado do propósito de Dios Ke Te Crew por matizar, por non velo todo branco ou negro, abordando con crítica intelixente e retranca a partes iguais a realidade. Unha visión dual que centra 15680: o código postal enmárcase nesa tradición do hip hop de falar do que un ten máis preto e, igual que KRS One falaba do Bronx sur ou NWA de Compton, eles fano sobre Ordes, nunha relación «de amor e odio». «Vas loar un sitio só porque es de alí?», pregúntase Sokram. «Aínda que sexa o mellor sitio do mundo, tamén terá as súas cousas malas. Se as obvias, acabas sendo Mr. Wonderful».

Entre a simboloxía do eterno retorno e o mundo que está a devorarse

A vinculación de Dios Ke Te Crew co mundo do graffiti e da imaxe está xa na súa orixe. O deseño de «O ciclo da serpe» é tan coidado como complexo, propoñendo diversos niveis de lectura. Coa dirección de arte de Sokram -escritor de graffiti e un dos responsables do certame Desordes Creativas- o disco conta coas ilustracións de Lidia Cao, onde se reproduce un uróboro ou serpe que se morde a cola, un símbolo que pode interpretarse como un ciclo eterno pero tamén un mundo que está a devorarse a si mesmo. «Din que hai que crecer, crecer, crecer, cando é obvio que hai que decrecer», di Sokram. Unha serpe que grazas á animación de A. L. Crego semella cobrar vida cunha aplicación de móbil.