Cúmprese o desexo de Maside e o seu legado exhíbese en Santiago

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A exposición «Carlos Maside. Patrimonio de Galicia» permanecerá de xeito temporal en Fonseca
A exposición «Carlos Maside. Patrimonio de Galicia» permanecerá de xeito temporal en Fonseca SANDRA ALONSO

Trátase de vinte e unha obras pintadas polo artista entre as décadas dos 30 e 50 que poden verse no pazo de Fonseca

10 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de sesenta anos despois cumpriuse o desexo de Carlos Maside de que a súa obra ficase en Compostela. A emoción encheu por momentos o Comedor do pazo de Fonseca na inauguración da exposición coas vinte e unha obras que forman o legado Maside, que foi adquirido o pasado ano polo Consorcio da Cidade de Santiago e que agora se exhibe ao público.

As palabras de agradecemento a todos aqueles que fixeron posible o cumprimento do desexo do artista foron constantes nas intervencións, destacando que non fora tarefa doada culminar o proceso para que trece óleos sobre lenzo, tres gouache e catro debuxos a lapis que Maside pintou entre os anos 30 e 50, se convertesen en patrimonio da cidade compostelá. «É un día dunha gran satisfacción. Por unha parte, porque Maside forma parte do patrimonio cultural de todos os galegos, e, por outra, porque é a culminación dun proceso que comezou no ano 1958 con Antonio Baltar ao fronte como testamenteiro de Maside para que a súa obra ficara en Santiago», asegurou Asunción Leiceaga, en representación da Plataforma Maside, que foi unha das entidades que estivo traballando para o cumprimento deste desexo. Nese sentido, agradeceu á familia do artista «polo criterio que seguiron da venta do legado, que foi primar a vontade do pintor de permanecer en Compostela». 

Xulio Maside Rodríguez, que falou en nome da familia do artista, incidiu en que «foron moitas as portas que houbo que abrir para que a vontade de Carlos se materializase». Ademais, lembrou que o artista era un galeguista e «o que se ve na súa obra é Galicia. Quixo elevar á máxima expresión o que consideraba fermoso do seu país».

O legado Maside, que durante os últimos anos estivo depositado na Fundación Granell despois de que a familia o sacase de Vigo no 2014, foi adquirido polo Consorcio de Santiago -integrado polo Goberno Central, A Xunta e o Concello- por algo máis de 430.000 euros, cunha achega da Deputación da Coruña por importe do 50 %. Precisamente, esta colaboración entre diferentes administracións e entidades foi un dos feitos nos que fixo fincapé o alcalde, Martiño Noriega, ademais de engadir que «damos por ben investido todo o esforzos». Pola súa parte, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, afirmou que «non se podía permitir que estes 21 cadros acabaran repartidos por diferentes puntos». O reitor da USC, Antonio López, asegurou que a Universidade síntese «honrada de colaborar neste proxecto de país».

Nas vinte e unha obras do legado hai algunhas moi destacadas, como a das Tendeiras ou a da Costureira. Poderán verse de martes a sábado de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.