Misterioso Rulfo

CULTURA

10 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O pai do grande escritor mexicano Juan Rulfo morreu asasinado cando o fillo era aínda neno. Despois diso, a nai mandou o cativo a un orfanato, onde, como el dicía, «aprendín a deprimirme», algo do que nin o maior éxito literario podería curalo. Porque o escritor tamén aprendera daquela a ler e a ser tímido, introvertido e moi pouco falador. Mais, iso si, lía coa paixón do autodidacta namorado das fantasías alleas, que axiña facía súas.

O seu triunfo literario non chegou de repente, pero, cando chegou, fíxoo por todo o alto. Publicou os contos de El llano en llamas en 1953 e a novela Pedro Páramo en 1955. De primeiras non se produciu ningún éxito repentino ou fulgurante, nin Rulfo parecía esperalo. Pero a mediados da década de 1960 todo principiou a cambiar e o recoñecemento da súa obra comezou a ser xa imparable e multitudinario, con novas edicións e traducións polo mundo adiante, ata figurar como un clásico incontrovertible.

Fixo isto feliz a Rulfo? Nunca estivo claro. O éxito veu perturbarlle o sosego que el tanto estimaba, pero foise acostumando a ter un recoñecemento universal e ás veces confesaba que comezaba a sentir o desexo de volver a escribir algo máis. Pero ese momento de terminar unha nova obra nunca chegou. Comezou algunhas, pero…

Un día a axencia Efe ofreceulle participar cun artigo mensual na súa oferta de Grandes Firmas, onde colaboraban case todos os grandes escritores latinoamericanos. Rulfo limitouse a responder por teléfono: «Non, grazas. Iso de escribir é moi difícil, moi difícil». E, malia ser boa a oferta económica, el non cambiou. E aí quedou todo.

Non obstante, uns anos despois aceptou mandar un artigo para o Anuario Iberoamericano. Foi unha grande e esperanzadora sorpresa. Pero xa non enviou máis. Admitía que tiña algunha idea dándolle voltas na cabeza, pero, polo ton en que o dicía, cabía adiviñar que non ía terminar por escribila. Quizais cabería dicir que o misterioso e doce Rulfo non quería correr o risco de perder a altura literaria á que o elevara un gran recoñecemento internacional para el inexplicable, pero ben merecido! Morreu en 1986 en México. Un libro de contos e unha novela seguen a asegurar a súa inmortalidade.