Un documental incide nas achegas de Antonio Fraguas á cultura galega

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Fraguas celebra o seu aniversario no ano 1995 en Santiago
Fraguas celebra o seu aniversario no ano 1995 en Santiago XOAN A. SOLER

A Academia recupera o discurso de ingreso na institución que leu hai 63 o homenaxeado no Día das Letras Galegas este 2019

09 may 2019 . Actualizado a las 10:47 h.

Revisitando a Antonio Fraguas é un documental que busca aproximar de xeito ameno a figura e as achegas a prol da cultura galega do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. O traballo será unha das pezas centrais da exposición que se inaugurará o próximo mércores no Museo do Pobo Galego sobre Fraguas.

O proxecto audiovisual dirixido por Gonzalo Veloso conta coa participación de persoas que coñeceron a Fraguas, entre elas antigas alumnas, ademais de estudantes actuais do IES Rosalía. Entre os colaboradores están Justo Beramendi, Clodio González, María Xosé Fernández e Víctor Freixanes. «Falamos de espazos vitais facendo fincapé no propio Museo do Pobo e tamén na súa parte de mestre», asegurou Veloso, que onte presentou o traballo xunto ao director xeral de Políticas Culturais e representantes do Museo do Pobo. 

Discurso na RAG

Por outra parte, a Real Academia Galega publicou este mércores, coincidindo con 63 aniversario, o discurso de ingreso de Antonio Fraguas na institución e os orixinais mecanoscritos. No texto titulado As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán, o etnógrafo fía versos populares da súa terra. Fraguas, que pasou a ocupar o 8 de maio de 1956 a cadeira de Castelao, dedicáballe a el as primeiras palabras: «Confeso que sinto neste momento un medo tremendo, estremencente, medo que xurdiu no seu día e que vai aumentando a medida que, sen querer, hai que facer unha comparación. Veño a ocupar un lugar que quedou baleiro o día 7 de xaneiro de 1950 cando alá lonxe, en Buenos Aires, morreu Alfonso Rodríguez Castelao (...). Quizais fora mellor deixar vacante o seu posto deica que outro artista como el ou Rosalía, as dúas representacións de Galicia máis sinceiras e acabadas, viñera ocupar esta cadeira». A RAG tamén publica a resposta que lle deu Otero Pedrayo.