María Xosé Queizán, Antonio Fernández Maira e María Teresa Horta serán galardoados na Gala do Libro Galego o día 11

Miriam García
M. G. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

O vicepresidente da Asociación Galega de Editoras reclamou un plan estratéxico para o fomento da lectura

08 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entregarán este sábado na cuarta edición da Gala do Libro Galego os seus premios honoríficos a María Xosé Queizán, Antonio Fernández Maira e María Teresa Horta, respectivamente. O evento desenvolverase no Teatro Principal de Santiago a partir das 19.30 horas e estará presentado por Iria Pinheiro coa parte musical a cargo de Habelas Hainas.

Queizán recibirá o premio honorífico á editora por traballos como a revista Festa da Palabra silenciada. Pola súa banda, a Federación de Librarías distingue a Antonio Fernández Maira pola súa labor decisiva na propia entidade durante anos. A entrega de premios honoríficos complétase co galardón á escritora portuguesa María Teresa Horta. A AELG valora non só a súa «altísima calidade literaria», senón tamén a súa «incontestable defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais». Horta non acudirá a Santiago por problemas de saúde.

 Na Gala do Libro entregaranse galardóns en quince categorías para recoñecer o traballo no ámbito editorial, así como distincións a traxectorias no ámbito cultural. «Os premiados son só a punta do iceberg. A produción literaria está en plena eclosión», asegurou Cesáreo Sánchez, poñendo como contrapunto a precarización do traballo. Pola súa banda, o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, reclamou un plan estratéxico para o fomento da lectura. Os representantes dos tres colectivos organizadores estiveron acompañados polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo.