A sombra do peregrino

CULTURA

07 may 2019 . Actualizado a las 13:09 h.

No ano 1226, catro despois de rematada a construción da catedral de Santiago, e por orde do papa Calisto II, celebrouse o primeiro ano santo xacobeo da historia, que continuaría nos anos correspondentes segundo o ciclo que fai coincidir o 25 de xullo en domingo. Algo máis tarde, o 25 de xullo de 1178, outro pontífice, alcumado Alexandre III, declarou esa celebración como perpetua, un privilexio equiparable ao que xa tiñan cidades como Xerusalén ou Roma, potenciando de maneira considerable as peregrinacións que viñan ata Compostela co propósito de visitar a tumba do apóstolo Santiago, onde se erixiu a catedral.

Un deses peregrinos, segundo conta a lenda, foi Leonard du Revenant, quen despois de matar a seu pai para herdar a súa fortuna foi condenado a morte, mais o daquela duque de Borgoña intercedeu ante o tribunal, e conseguiu que a pena de morte se lle conmutase por facer o Camiño de Santiago; deste xeito recuperaría a súa honra e tamén as importantes riquezas da herdanza.

Leonard dispúxose a facer a viaxe e, ao chegar aos Pireneos, quedou tan seducido pola beleza dunha pousadeira que a súa loucura levouno a asasinar a sangue frío e a traizón ao seu prometido. Despois raptou a rapaza, violouna e asasinouna sen piedade. Fuxindo da xustiza, disfrazouse de franciscano para que non o descubriran, e chegou a Compostela, onde atopou todas as pousadas cheas.

Coa idea de completar a peregrinación e acadar a indulxencia plena o máis axiña posible, decidiu durmir pegado a un dos muros da catedral. Leonard soñou con seu pai, que lle dixo que mentres as ánimas dos dous namorados asasinados non viaxasen a Compostela e lle amosaran o seu perdón el non podería abrazar o santo apóstolo. Asustado, quixo atacar coa súa espada ao seu proxenitor, pero este foi máis rápido e cravoulle a súa no peito.

Dende aquela, a sombra de Leonard acode todas as noites a aquel recuncho da praza compostelá da Quintana, onde quedara durmido, á espera de que cheguen os dous mozos para lle outorgar o difícil perdón definitivo.