María Xosé Porteiro une Galicia e América en «Sándalo», o seu regreso á novela

Montse García Iglesias
MONTSE GARCÍA SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

A escritora pon o foco nas migracións a través da historia compartida dende principios do XIX ata a actualidade

02 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Un escritor e lingüista galego díxome un día hai corenta anos que falase da miña experiencia na emigración. Tardei, pero aquí está». É Sándalo, a novela coa que a escritora e xornalista María Xosé Porteiro volve á narrativa dezaoito anos despois da publicación de Covardes. «Se non o fixen antes foi por falla de tempo, non de ganas», afirma.

 Sándalo (Galaxia) fala das migracións e percorre case os últimos douscentos anos, desde principios do século XIX ata a actualidade. «A novela empeza en 1823 coa morte do comandante Riego. A partir de aí, empézanse a tecer historias que teñen que ver con guerras, con independencias, con cambios sociais..., que se van dando paralelamente entre Galicia e Cuba. É unha novela que trata de recompoñer a historia común dos nosos pobos e, ao final, o que resolve é unha historia puntual dunha familia», explicou a escritora, que onte presentou o seu novo traballo na Feira do Libro de Santiago acompañada polo presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e da escritora e filósofa Carme Adán. Neste traballo, a autora mestura feitos e personaxes históricos con partes de ficción total e de persoas correntes.

 María Xosé Porteiro explica que en Sándalo «hai moito de mestizaxe e de historia do noso pobo cunha diáspora. É unha historia migratoria moi estudada dende o punto de vista académico e, se cadra, menos divulgada desde o punto de vista da literatura ou da ficción».