As 900 igrexas que construíron Galicia

Tamara Montero
Tamara montero REDONDELA / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

Científicos da USC poñen en valor as ermidas altomedievais, base do territorio galego

27 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aparecen por tras de calquera curva. Na aba de case calquera monte. A carón do mar, no medio dunha vila ou afastadas de case todo. En pé dende hai máis de mil anos, as igrexas altomedievais son unha xoia patrimonial, os alicerces sobre os que se asentou a división territorial tradicional de Galicia: a parroquia. Hoxe, inmersos nese proceso que baleira o rural para encher o asfalto, é máis necesario que nunca «darlles un novo sentido». Estudalas. Saber como articulaban a sociedade e o territorio.

A iso se ten dedicado durante catro anos o proxecto Emchache da Universidade de Santiago, que onte presentaron na illa de San Simón Rebeca Blanco e José Carlos Sánchez no marco dunha xornada do Consello da Cultura sobre a nova luz que achegan as tecnoloxías á cultura medieval. O proxecto ten localizado indicios de preto de 900 igrexas altomedievais en Galicia, a maioría a través de referencias documentais, pero tamén mediante vestixios. Só hai 79 nas que coinciden os restos materiais cos indicios documentais, o que apunta a que poderían ser moitas máis das que se teñen localizado. Todo un ronsel de evidencias sobre unha época na que non hai moitos restos.

«Moitas das igrexas románicas que vemos hoxe teñen a súa orixe neste momento», explicaba Sánchez. O seu proxecto demostrou que, por exemplo, parte dos paramentos de San Xes de Francelos (Ribadavia) son altomedievais. Ou que a cabeceira de Santa Eufemia de Ambía é obra orixinal, incluídas as tres fiestras xeminadas.

E moitas veces a memoria milenaria segue viva. A toponimia é practicamente a mesma. En Armea aínda existe un Carballo da Santa. Os lugares aínda se chaman en relación á lenda de Santa Mariña e alí está tamén a basílica da Ascensión e Os Fornos, unha construción inacabada -non se sabe se chegou a haber culto- que reconverte unha sauna nunha capela.