E precisamente o autor de El espíritu de la colmena e a propia película teñen un protagonismo especial. Logo da morte da súa irmá Araceli, que vivía con ela en La Pièce, María Zambrano viaxa a Xenebra coa súa amiga Joaquina Aguilar para ver a película. Ficou tan abraiada polo visionado que desexou transmitirlle os seus sentimentos ao director. Joaquina Aguilar e Valente, quen daquela andaban a ordenar os seus textos, conseguiron o enderezo e así foi como contactaron. Polo documental de José Manuel Mouriño camiñan moitas das imaxes de El espíritu de la colmena: o produtor Enrique Cerezo puxo a disposición do carballiñés a película, e Víctor Erice -refractario dende hai décadas a conceder entrevistas- participa de xeito moi activo no documental. «El é un admirador tremendo de María Zambrano, xa quixera montar unha adaptación teatral de La tumba de Antígona antes de coñecela, e falar dela, do impacto que foi para el recibir unha carta de María Zambrano falándolle da súa película e todo o que iso supuxo, centran a súa participación no traballo».
O proxecto de Mouriño está vinculado á exposición «María Zambrano y El Método de los Claros», que xa se puido ver en Málaga e en Segovia, e que no vindeiro mes de outubro chegará ao Círculo de Bellas Artes de Madrid. Xunto a materiais documentais e gravacións que non ser poderán ver na metraxe que se pasará por TVE, a mostra está «concibida como unha especie de dialéctica entre dúas imaxes icónicas: a de 1939, data da saída de María Zambrano camiño do exilio, e 1984, momento do seu regreso a España».