Diálogos no tempo con Rosalía

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A edición de «En las orillas del Sar» de Anxo Angueira atopa á poeta en conversa cos seus coetáneos, pero tamén con temas tan actuais como a morte ou o feminismo

17 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A voz de Rosalía de Castro viaxa no tempo. Cada verso é unha entidade que a escritora constrúe dende o seu pasado para dialogar co tempo e co futuro. Esta dimensión queda patente coa lectura da nova edición de En las orillas del Sar (Xerais) ao coidado de Anxo Angueira, poeta e presidente da fundación que leva o nome da autora. «Rosalía contesta a Pondal, a Curros, a Eduardo Chao ou a Castelar, ao tempo que traballa con Hölderlin, Goethe, Bürger ou Poe», explica Angueira sobre o contexto histórico, literario e político. Esa universalidade proxéctase tamén ata hoxe, un tempo no que moitas das cuestións contidas nos versos da autora semellan falar dende a contemporaneidade: como afrontar a morte, o feminismo, a identidade ou a ecoloxía están nos titulares de hoxe, pero tamén anticipados en libros como En las orillas del Sar.

Angueira, que presentará a súa edición este mércores en Padrón (Auditorio Municipal, 20.00 horas) acompañado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos e Manuel Lorenzo Baleirón, explica que este traballo naceu en parte por «corrixir unha peripecia editorial moi desafortunada, iniciada na edición de Murguía de 1909», así como pola «recepción de ‘hostilidad e incomprensión’, como dicía Azorín, no campo literario español, que silenciou a obra polo perfil galeguista da autora e condenou a Rosalía a ser na súa historiografía unha ‘romántica regazada’, coma no galego, onde o uso do castelán foi considerado unha traizón ou unha dimisión». A este último respecto, Angueira teno clarísimo: «Rosalía non dimitiu en absoluto. Todo o contrario». «Esta súa obra en castelán está inscrita totalmente na lóxica poética da autora que continúa a de Cantares gallegos e Follas novas e na lóxica nacionalista do campo literario galego, en construción naquel tempo». O escritor pon con exemplos disto poemas como Los robles ou Volved.

Con todo, se hai que sinalar un tema dominante nun libro que, como os outros de Rosalía, se presta a múltiples interpretacións, é o do «acabamento», en palabras de Angueira: «A morte e o paso do tempo, a morte e as pulsións, a morte e o suicidio», un drama existencial que excede as posibilidades de resposta da ciencia ou da relixión, este último, un aspecto que o especialista cre que cómpre relativizar en En las orillas del Sar. 

Interpelación

Esta, a de mirar en fite a morte, é unha das cuestións dende as que Rosalía semella interpelarnos aos seus lectores hoxe. Outra é, claro está, o feminismo que atravesa os seus libros, e que neste poemario se atopa, segundo Angueira, «sen estridencias, madurada ao longo de toda a súa obra anterior». «Se antes puña os ollos na épica de Penélope e non na de Ulises, agora ponos no drama de Margarita e non no de Fausto», expón. Outra interpretación dos versos do libro é moi contemporánea, o espertar da conciencia ecolóxica, fronte á tala de carballos que ocupa un poema.

Precisamente da desaparición e morte de paisaxes de En las orillas del Sar sabe abondo Angueira, para quen esta edición supuxo tamén un traballo de campo físico, percorrendo os lugares que inspiraron os poemas, identificando topónimos -sitúa «as reiteradas fiestras das que fala Rosalía nas Torres de Hermida en Lestrobe e non A Matanza, como se pensaba»- e achando lugares que xa son pasado, como unha presa e un muíño no río que existiu ata 1956, ano no que a construción foi derrubada e a canle cegada.