Sharon Roseman: «Hai menos egoísmo en Galicia»

«Hai individualismo, pero na loita pola independencia persoal aquí segue a idea de manter as obrigas aos outros», di a antropóloga


santiago / la voz

«É máis doado velo todo dende a distancia, pero nós estamos sempre dentro». Por iso, porque o material co que traballan é o cotián, a vida da xente, «os antropólogos sempre dicimos que todo é moi complicado». Sharon Roseman, profesora de Antropoloxía da Memorial University do Canadá, chancea nun galego que aprendeu no rural, durante aqueles anos nos que apalpou o día a día do concello de Zas. Lingua galega que desenferruxou onte para participar nas conversas transatlánticas do Consello da Cultura Galega, onde se falou da etnografía das mulleres galegas.

-O matriarcado galego é un mito, pero segue vivo.

-Nos séculos XIX e XX usábase mitoloxía, sen datos científicos, así que non é certo [ri]. As mulleres galegas viven e vivían nunha situación de moito dominio masculino. O mito empregábase moito aínda nos anos 80 e 90, pero porque os que estudaban as distintas comunidades do Estado español vían que había diferenzas importantes entre Galicia e outros puntos. Que as mulleres traballaran cos homes, nas prazas, nos portos, ten importancia. Tamén hai fogares multixeracionais e as sogras e as nais teñen autoridade cos fillos e cos netos. Con todo, as xerarquías nestes ámbitos conviven con outros discursos.

-Saír a traballar non dá o poder.

-Tiñan algo de poder para as decisións. Aínda que fixemos moitos traballos sobre a agricultura, as mulleres estaban tamén traballando nas casas dos outros, como costureiras, mesmo nas minas... Había mulleres por todos os lados e tiñan máis poder nalgúns que nos outros, pero isto non quere dicir que tivesen poder para dominar toda a sociedade. Tamén hai que mirar se agora hai mulleres nos postos de dirección en todas as esferas da sociedade e non só se hai mulleres, e tamén se hai ideas e prácticas na política para promover a igualdade. Hai que ver se hai políticas, prácticas e xente de varios xéneros e sexualidades. E tamén de idade, porque por exemplo hai moito desemprego na mocidade.

-Leva dende os 80 estudando as mulleres galegas. Houbo cambios substanciais?

-Hai, hai diferenzas, pero xa se vían os cambios hai anos. Agora as mulleres conducen. Conducían nos anos 80 e 90, pero a xente maior, as mulleres maiores, non. Hai esta idea, sendo muller ou home, de buscar una carreira profesional que lle guste. Hai tamén cambios na política, creo que hai máis mulleres na política e inflúe na xente, na vida diaria. E xa había daquela, pero creo que nestes momentos quizais as ideas feministas, cos problemas que temos, están máis estendidas pola sociedade. Na miña xeración ser feminista era algo radical, e agora creo que mulleres e homes novos miran esta palabra e o que significa como algo fundamental.

-Así que hoxe son reais os cambios que xa se albiscaban nos 80.

-Non podemos dicir que xa está, pois non está para moitas cousas.

-Que cousas non cambiaron?

-Os vínculos entre a xente son moi fortes, a solidariedade entre familiares e amigos, que é algo moi importante, porque hai sociedades nas que hai máis individualismo. Aquí tamén hai, pero na loita pola independencia persoal segue a idea de manter as obrigas aos outros e outras, e inflúen nas decisións que toma a xente.

-Díxose que na crise o país non crebaba pola forza dos vínculos familiares.

-Son valores, e hai moral. Isto é importante porque hai veces que non falamos dos valores culturais e hai que ver que hai valores importantes que guían á xente sen sabelo, que forman parte da cultura moi profunda. E isto non cambiou. Creo que hai menos egoísmo en Galicia, porque o egoísmo é mirar só para a túa vida, non para os irmáns, pais...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Sharon Roseman: «Hai menos egoísmo en Galicia»