Xaquín Branco, gaiteiro!

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

09 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1979 a discográfica galega Ruada edita O son da estrela escura, do grupo de música galega Doa. Neste traballo combinábanse músicas tradicionais e medievais, feitas dun xeito innovador e elegante. Naquel tempo eran seis músicos, entre os que estaba Xaquín Branco, quen nesta andaina participaba tocando gaita galega, bombarda bretoa e percusións.

Eu daquela era un mozo de 15 anos moi interesado en todo o pouco movemento que xeraba a música galega, e merquei aquel disco aos poucos días de estar nas tendas, un longa duración que aínda gardo como unha xoia na miña discoteca. Eran os meus primeiros anos no, daquela, difícil mundo da gaita, e por iso me fixei especialmente na figura de Xaquín, do que souben que vivía en Madrid, onde estudaba Belas Artes mentres que no seu tempo libre aprendía a tocar gaita no Centro Galego.

En Madrid tamén, e durante tres anos, formou parte do interesante grupo de rock sinfónico Granada. Posteriormente, xunto con outros músicos de diferentes procedencias e estilos, fundou o grupo de folk-rock Labanda. Este grupo, por ser o primeiro que facía «rock celta» no Estado, tivo un certo impacto. Xaquín aproveitaba o seu tempo entre os concertos con Labanda para participar noutras gravacións, como a do dúo Keltia de Xosé Ramón Gayoso (incombustible presentador do Luar da TVG) e Álvaro Someso no disco Choca esos cinco, editado no 1978, ou no último traballo en solitario do cantautor e membro de Voces Ceibes Bibiano Morón, chamado Aluminio, do 1979.

Na actualidade seguía na dinámica de colaborar con diferentes formacións, entre as que destacaba a do proxecto medievalista de Xosé Quintas Canella, que recentemente editara un cedé titulado Alfa e Omega. Con Xaquín, que era un home inquedo, polifacético e bo conversador, teño pasado longas horas de parola arranxando o mundo nas noites de A Cova Folk; mestre da retranca e bo gaiteiro, cun estilo de tocar único, o seu pasamento é unha triste nova que deixa un importante baleiro na cultura musical de Galicia.

D. E. P., amigo.