O CDG escanea a identidade galega

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Paco Rodríguez

A compañía pública estrea o xoves «Neorretranca e posmorriña», unha montaxe con pezas de Carrodeguas e Vidal Ponte baixo a dirección de Gena Baamonde

09 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Que significa ser galego? Neorretranca e posmorriña, a nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), daralle resposta a esta cuestión a partir deste xoves, fuxindo de tópicos a base de ironía, retranca e moito sentido do humor. Todo iso atravesado por fortes doses de irreverencia, a que teñen as pezas escritas por Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte e que conforman a proposta da compañía pública galega. «As dúas obras parten de que a identidade galega é diversa, flexible; non pretenden facer unha identidade única e pechada. Tanto unha peza coma a outra disparan con sentido do humor a todo estamento e a toda institución. Non deixan títere con cabeza», afirma Gena Baamonde, directora desta montaxe, que se estrea no Salón Teatro en Santiago e logo iniciará xira.

Serán máis de dúas horas e cuarto de espectáculo nas que o público poderá achegarse a dúas propostas con ese nexo común da identidade -pois xurdiron do grupo de traballo DramaturXa impulsado polo propio CDG o ano pasado-, pero moi diferentes a nivel escénico. «Ao ser sobre a mesma temática, a aposta foi xuntar dúas pezas con linguaxes moi distintas», explica Gena Baamonde. Neorretranca e posmorriña comezará coa posta en escena de Fantasía n.º 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, «unha partitura moi aberta, case musical», e que parte dunha «ollada feminista». Unha montaxe baseada en que «a palabra sae do corpo», máis dende a danza. Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte, «é unha homenaxe ao teatro galego, aínda que nada compracente», e está moi vinculada a Compostela. A directora engade que, neste caso, a pegada da dramaturxia contemporánea reflíctese especialmente no tratamento das personaxes.

Reivindicación da dramaturxia galega contemporánea

Despois de dúas tempadas con Valle-Inclán como protagonista das súas montaxes, con Martes de Carnaval e Divinas Palabras, o CDG leva á primeira liña a dramaturxia galega contemporánea con Neorretranca e posmorriña, o título que combina as propostas de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte. «Que o público poida ver nunha mesma sesión dúas pezas con esta diversidade de linguaxe fala da boa saúde da que goza o teatro galego», destaca Gena Baamonde, que resalta o reto que supuxo levar a escena estes dous textos. «Hai xente que aínda desconfía da dramaturxia galega contemporánea, sempre se apoia máis un clásico, pero eu creo que o CDG está para defender e valorizar a creación galega», engade.

Elenco feminino

O reparto da montaxe confórmano Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde. «Demostran a súa versatilidade: cantan, bailan...», afirma. O espectáculo, despois de Santiago, visitará Tui, Pontevedra, A Coruña, O Barco, Rianxo e Vigo.