Luz Pozo Garza recibirá o premio que lembra ao seu querido Otero Pedrayo

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Luz Pozo, durante a presentación do seu último poemario, o pasado mes de febreiro
Luz Pozo, durante a presentación do seu último poemario, o pasado mes de febreiro ANGEL MANSO

A fundación que leva o nome do patriarca das letras acordou concederlle o Trasalba

04 abr 2019 . Actualizado a las 08:38 h.

Está encamada e non oe ben -«é que estou cunha perna fracturada e coa postura non escoito como debería»-, mais cando colle a posición e se comunica sen atrancos mestura lembranzas e agradecementos cunha voz que chama pola ledicia do recoñecemento. A comisión de goberno da Fundación Otero Pedrayo acordou concederlle o Premio Trasalba 2019 a Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922), e a poeta considera a decisión un feito sen comparanza. «Non me esperaba cousa polo estilo. É incrible. Estou moi contenta e moi orgullosa, porque para min é un acontecemento; tiven moita relación coa casa -a de Trasalba, actual sede da fundación- e mesmo estiven unha vez alí coa miña filla, e fun facerlle unha entrevista a Otero. Tamén escribín un poema que el moito me agradeceu», lembra a escritora. Remexe na memoria para lembrar que «logo do seu pasamento publiquei un artigo que se titulaba Derradeira lección do mestre, porque Otero Pedrayo foi unha persoa moi influente na cultura de Galicia e todos nós, os escritores galegos, somos herdeiros da súa figura e do seu legado. Alégrome moitísimo de ter chegado á miña idade, e sobrevivir ata o de agora, para poder recibir este premio», sinala.

A escritora dedicoulle un artigo a Otero Pedrayo nas páxinas de La Voz en 1976
A escritora dedicoulle un artigo a Otero Pedrayo nas páxinas de La Voz en 1976

 Á hora de anunciar a concesión, a Fundación Otero Pedrayo salientou que a comisión de goberno da institución tivo en conta para a súa decisión o feito de ser «Luz Pozo non só unha poeta oteriana, amiga de Otero -pasou mesmo algúns días na casa de Trasalba con seus fillos, convidada por Otero e Fita- e difusora da obra do autor de Trasalba, e autora dun dos máis belos poemas á ausencia, Consagración de Trasalba, incluído no seu libro Códice Calixtino, senón, sobre todo, por ser a poeta máis importante do panorama lírico galego». Tamén se incidiu dende a institución en que a galardoada é «a decana e máis frutífera e sublime das poetas galegas», lembrando que segue en plena actividade creadora, «pois vén de editar un poemario, Pazo de Tor, evocando as raíces da súa familia, os Garza, na comarca de Lemos», e iso logo de 71 anos de ter editado Ánfora, o seu primeiro libro de poemas.

 Cita co Abril oteriano

A nova da concesión do Premio Trasalba a Luz Pozo anunciouse na presentación das actividades da cuarta edición do Abril oteriano. Durante a vindeira fin de semana, do 5 ao 7, haberá presentacións de libros, un roteiro polos espazos da cidade de Ourense vinculados á figura de Ramón Otero Pedrayo, conferencias, a presentación dunha nova Peza do mes -ciclo no que se dá a coñecer o patrimonio da fundación-, xantar na Casa Grande de Cima de Vila (Trasalba), proxeccións, unha misa na memoria do patriarca das letras galegas e ofrenda floral no cemiterio de San Francisco.