O Día das Artes Galegas reivindica a Seoane como «o creador total»

A.S. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Eduardo Pérez

O acto destacou o traballo do artista por dignificar a cultura de Galicia

02 abr 2019 . Actualizado a las 09:13 h.

Teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante, ilustrador, pintor, gravador, muralista, editor, escritor, xornalista e promotor cultural e industrial. Todas estas palabras foron empregadas para referirse a unha soa persoa: Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979). Este «creador total» foi homenaxeado co Día das Artes Galegas, que dende o 2015 convoca a Real Academia Galega de Belas Artes, cun acto que se celebrou no Teatro Colón da Coruña, e no que quedou patente non só a súa multiplicidade de rexistros, senón tamén o seu «intento descomunal de dignificar a cultura de Galicia, rescatando a historia, as tradicións e os acontecementos en clave contemporánea para poñelos a disposición das novas xeracións», como explicou Xosé Díaz Arias de Castro na súa laudatio.

Díaz fixo un percorrido pola biografía de Seoane, unha vida «fértil e chea de vicisitudes». A emigración e o exilio exerceron unha fonda influencia nun creador que tivo a Carlos Maside como mestre, «unha persoa que coa súa extraordinaria calidade humana, as súas inquedanzas plásticas e intelectuais e o seu compromiso con Galicia e a modernidade, constitúen para Seoane o facho que iluminará a súa xuventude e o iniciará no coñecemento e valoración do mundo campesiño e as súas tradicións e as formas herdadas do románico».

Eran tempos nos que Seoane estaba cumpridamente informado do que se movía nas vangardas europeas, que xa debuxaba en prensa e que traballaba a prol da calidade democrática dende o republicanismo e o autogoberno que o estatuto lle habería de dar a Galicia. A experiencia do exilio reuniría a Seoane con Rafael Dieste, Arturo Cuadrado e Lorenzo Varela, onde continuaría co seu labor artístico e editorial, antes de regresar a Galicia en 1963 para fundar con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas, que o presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, cualificou de «herdo evolucionado da iniciativa truncada pola Guerra Civil e a intolerancia» do Seminario de Estudos Galegos. Igual que o delegado do Goberno, Javier Losada se referiu a Seoane como o «gran renacentista galego», Quintana quixo lembrar dende a institución a «un creador de formas, teórico da arte e divulgador da cultura galega, un galego universal na diáspora arxentina, que atopou na cidade da Coruña a súa base inspiradora».