San Brandán


Dentro da xira Ribeira Sacra, Luar Na Lubre ofreceu recentemente un concerto na fermosa cidade de La Laguna, en Tenerife. Alí detívenme a falar de determinadas cuestións que Canarias e Galicia teñen en común no que se refire ao folclore, como diversos ritmos musicais, formas de manifestación do entroido ou algunha que outra lenda.

Especialmente popular é a lenda canaria de San Borondón, baseada na coñecida historia medieval irlandesa de San Brandán. Este santo irlandés do século VI é protagonista dun dos relatos máis coñecidos da literatura gaélica, o Navigatio Sancti Brandani, escrito en torno aos séculos X-XI.

O periplo de San Brandán cara á Terra de Promisión ou Paraíso dos Benaventurados levouno durante sete anos por diferentes situacións e vivencias, entre as que está a que pasaron os seus acompañantes e mais el na illa Balea, posteriormente coñecida como de San Brandán, unha illa absolutamente desprovista de vexetación na que o santo celebrou a misa de Pascua. Despois da celebración prenderon un lume para se quentar na noite e comprobaron con asombro que a illa se movía. Atemorizados pensando que era un terremoto, marcharon rapidamente para a súa embarcación afastándose todo o que puideron. En realidade era o lombo dun gran monstro mariño con forma de peixe que denominaron Jasconius.

En Galicia temos, por un lado, a lenda de Santo Amaro, directamente emparentada cos immrama irlandeses (viaxes ás illas paradisíacas de occidente), moi comúns nos países celtas atlánticos, e tamén a chamada «a illa balea», recollida polo gran Leandro Carré Alvarellos no seu traballo Lendas tradicionais galegas, na que San Brandán de novo é o protagonista como irlandés descendente dos fillos de Breoghán, cunha variante da lenda digamos que «á galega».

Na lenda canaria fálase de San Borondón ou La Inaccesible, unha illa fantasma que aparece e desaparece misteriosamente e que, a pesar de ser vista por moita xente, de estar nalgunhas cartas mariñas e de térense organizado expedicións de busca, nunca apareceu.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
30 votos
Comentarios

San Brandán