A Galicia gravada na pedra

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Cristina Pujales (esquerda), Xosé Ramón Pousa e Dolores Vilavedra presentaron o proxecto de difusión Lousas
Cristina Pujales (esquerda), Xosé Ramón Pousa e Dolores Vilavedra presentaron o proxecto de difusión Lousas cedida

En 1904 editáronse as primeiras gravacións sonoras de Galicia, feitas sobre discos de lousa. O Consello da Cultura vén de difundir 25 destas gravacións dixitalizadas dun patrimonio duns 700 discos

29 mar 2019 . Actualizado a las 17:52 h.

Pedro Ferrer, o fotógrafo e empresario coruñés, pensou que sería unha boa idea gravar música tradicional galega para enviala alén de mar. Matinaba en crear algo así como pílulas de identidade galega para a emigración. Aínda estaba botando a andar o século XX cando Compagnie Française du Gramophone enviou á Coruña unha unidade móbil para gravar o Coro Aires d’a Terra. Pasaran só 14 anos dende que en Estados Unidos se fixera a primeira gravación en disco de lousa da historia cando Galicia comezou a gravarse na pedra.

A Foliada de Romeros é a orixe dos rexistros sonoros de Galicia. A gravación máis antiga que se conserva. Unha das que agora se poden escoitar dende calquera lugar. A calquera hora. Que son mp3, aínda que o estalido da agulla sachando nos sucos da pedra segue aí, lembrando tantos anos de esforzo, de andar a procurar o xeito de gravar o son. Lousas é o nome do proxecto de difusión que vén de presentar o Consello da Cultura, que deste xeito abre ao mundo o patrimonio do Arquivo Sonoro de Galicia.

Lousas comeza cunha escolma de 25 discos. «Poderían ser outros. Sobre todo queriamos amosar a diversidade dos contidos que hai neste fondo». Cristina Pujales fala amodo dun enorme patrimonio está conservado na Biblioteca de Galicia baixo estritas condicións ambientais e de almacenaxe para impedir que a memoria sonora deste país se perda para sempre. Hoxe, o 95 % do que escoita unha persoa é son gravado. Daquela, cando o son comezou a gardarse en sucos feitos na lousa, a proporción era xusto a contraria, segundo conta o director do arquivo, Xosé Ramón Pousa. Dos 700 discos que se foron incorporando a través de adquisicións e doazóns, uns 250 están en condicións óptimas para a súa dixitalización. E son os que se irán facendo públicos a través da web do Consello da Cultura.

Daquel ano 1904, o Arquivo Sonoro de Galicia custodia seis discos. Cinco son do Coro Aires d’a Terra, aos que se suma o Orfeón El Eco, unha pequena xoia que está gravada só por unha cara e que ademais é un pouco máis pequeno que a medida habitual dos discos de lousa: 18 centímetros.

A escolma coa que se inaugura este proxecto, e que se irá alimentando mensualmente ao longo dos vindeiros anos, inclúe música tradicional, pero tamén a representación das grandes voces da lírica galega, composicións que forman parte da historia da zarzuela, e lousas de distintas procedencias, como as que chegaron da emigración. Ata rexistros que non son musicais, como a voz de Joselín, o gran contador de contos de Galicia, ou a Muiñeira de Pro Bandeira que Manuel Dopazo, o gran gaiteiro galego, gravou en Nova Jersey en 1912.

«Non se trata de simplemente de dar un acceso aos audios», explicaba Dolores Vilavedra. Eses rexistros sonoros están acompañados das fotografías das lousas polas dúas caras e dun pequeno comentario contextualizador do material e dos intérpretes. «Iso é un valor engadido que converte o material en moitísimo máis útil», especialmente para os usuarios do común. Porque o Consello da Cultura non se dirixe nesta ocasión ao público especializado, senón que o obxectivo é achegar á sociedade esta colección de grandísimo valor non só patrimonial, tamén musical e histórico.

Son estas 25, pero poderían ser outras, abofé. Por exemplo, a gravación máis antiga que se conserva do Himno Galego. En 1919, a Banda Municipal de Barcelona interpretaba os acordes de Pascual Veiga. Esa lousa foi unha doazón ao Arquivo única. Nin a propia banda catalá conservaba rexistro ningún daquel momento no que tivo moito que ver a visita de Francesc Cambó a Galicia, que abriu unha vía de comunicación moi importante entre Galicia e Cataluña. Así que o Consello da Cultura enviou unha copia dixital dese momento histórico á banda de Barcelona.

Se cadra, tamén aparecen novas alfaias que engadir á colección do Arquivo Sonoro de Galicia. Xosé Ramón Pousa aproveitou para facer un chamamento. Para que aquelas persoas que en Galicia ou fóra de aínda gardan na casa eses discos de lousa se poñan en contacto co Arquivo Sonoro de Galicia e así comprobar se a súa gravación xa consta no rexistro ou se se trata dunha peza que aínda non está catalogada.