Federico Fernández repasa vinte anos de ilustración nunha mostra en Vigo

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle dunha das ilustracións de Federico Fernández
Detalle dunha das ilustracións de Federico Fernández

O artista, premio nacional no 2002, sostén que o xogo é a clave da súa obra

28 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Vinte anos pasan rapidísimo», admite Federico Fernández Alonso (Vigo, 1972). Son vinte de traxectoria artística os deste ilustrador, recoñecido co premio nacional no 2002, dos que se poderá ver unha selección a partir deste venres día 28 no Halcón Milenario, un espazo de arte que Fernández promove na súa cidade natal xunto con outras persoas.

E son tamén vinte anos nos que traballou aproximadamente en outros tantos libros, unha cifra que podería parecer reducida, pero que ten a súa explicación no seu sistema de traballo e mais o espírito que o preside. «Eu sempre digo que, cando teño que ilustrar un libro ou un cartaz, ou unha portada de disco, que tamén teño feito o que me interesa é xogar», explica o artista. É dicir, que esa dimensión lúdica, que se pode conectar tamén coa inocencia e franqueza do creador que non perdeu esa capacidade de imaxinar e divertirse que se asocia coa infancia. «O xogo, o gozo, é o que me move», confirma Fernández, «e non tanto o que se considera arte con maiúsculas».

 As tripas da balea

Se hai un traballo ben coñecido do ilustrador que exemplifique esta procura do «puro gozo», esa é o libro Balea, feito con Germán González Pintos. «É un xogo, pero tamén é un xogo visual», describe. E Federico Fernández ten unha especie de control de calidade informal do seu traballo: «Se me río». Do mesmo xeito, prima tamén o intuitivo sobre o reflexivo, xa que o artista prefire deixar que flúa o debuxo de forma natural e, paradoxalmente, boa parte do esforzo ten que investilo en que non se esvaeza esa naturalidade dos primeiros bosquexos. «A reflexión chega despois», relata, aínda que tamén fai un intento consciente de non intelectualizar de máis o resultado do seu traballo. «Tamén me pasa na vida cotiá. Gústame facer un pouco o parvo», confesa entre risos.

Fernández, nun obradoiro na Feira do Libro de Guadalajara, México
Fernández, nun obradoiro na Feira do Libro de Guadalajara, México

Esta conexión coa nenez é esencial para as ilustracións que, se ben poden admirarse a calquera idade, adoitan aparecer nun contexto dirixido a lectores miúdos. «Si, un libro deste tipo é unha porta aberta á infancia», explica o ilustrador, para quen a frase de «goza coma un neno» é case unha guía vital.

Este criterio permítelle a Federico Fernández ser selectivo e centrarse naqueles proxectos que o entusiasman. Unha situación, recoñece, que non sería posible de non ser polo seu traballo na Escola de Artes e Oficios de Vigo, que lle ofrece o sustento económico necesario que se traduce na liberdade na ilustración. «Teño a sorte de non ter a ilustración como medio de vida», explica con franqueza. «Podo permitirme o luxo de aceptar o que me apetece. Cos anos aprendín a dicir que non a determinados proxectos e así centrarme só en cousas máis persoais, nos que investir máis tempo e esforzos», engade. Aínda que o sector mellorou, en termos económicos e mais de recoñecemento, Fernández Alonso sabe que moitos outros colegas teñen que aceptar encargas «alimenticias» para cadrar as contas.

Federico Fernández, con Germán González, autores de «Balea»
Federico Fernández, con Germán González, autores de «Balea» M.MORALEJO

E, aínda que podería parecer o contrario, gañar o premio nacional de ilustración no 2002, co seu primeiro libro -¿Dónde perdió Luna la risa? (Kalandraka)-, non se traduciu nunha fervenza de encargas, senón que lle facilitou a un artista inexperto unha boa entrada no mundo editorial. Ademais, un galardón non é unha panacea permanente. «Tes que estar reivindicándote, chamando á porta, hai que seguir traballando», resume.

 O aire mariño

Outros veciños de Federico Fernández, como Ledicia Costas ou Antonio García Teijeiro, tamén gañaron cadanseu premio nacional, no seu caso, de literatura infantil. Hai algún factor que inflúa? «Non o sei», admite o ilustrador con humor. «Igual é o aire mariño», di con retranca. «Supoño que se vamos a Cataluña, ou a Valencia, tamén atoparemos a xente moi boa facendo cousas. En todas partes hai persoas traballando pola cultura», di.

Traballar pola cultura tamén é o que se fixo dende o Halcón Milenario, o espazo onde se pode ver a mostra de Fernández, un dos seus promotores. É unha sensación agridoce, xa que a súa exposición será a derradeira antes de pechar. «Necesitamos un descanso. Merecémonolo. Pero somos xente activa, de espírito inquedo, así que seguro que seguirá habendo máis cousas», conclúe.