Giuseppe Tavani, o sabio das cantigas

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Tavani, en maio do 2004, durante a lectura do seu discurso como académico de honra da RAG
Tavani, en maio do 2004, durante a lectura do seu discurso como académico de honra da RAG Xosé Castro

Falece aos 95 o catedrático italiano que se converteu nun erudito da lírica medieval galega

25 mar 2019 . Actualizado a las 12:43 h.

Giuseppe Tavani (Roma, 1924-2019), un dos nomes de referencia para o estudo da lírica medieval galega, vén de falecer na súa cidade natal. Catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de La Sapienza, era académico de honra da RAG e mais honoris causa pola Universidade de Santiago. Son recoñecementos institucionais a toda unha vida de erudición sobre a cultura da Idade Media, co foco posto non só nas achegas poéticas de Galicia, senón tamén da Provenza e de Cataluña, onde tamén se sentiu a súa perda. A Academia Galega sumouse este luns aos pésames polo pasamento do profesor italiano.

A entidade galega lembra como Tavani interpretou con rigor e erudición a literatura medieval galega, da que desenvolveu unha interpretación que situaba no galego e non no portugués as orixes primitivas da poesía trobadoresca, da que Santiago de Compostela sería un centro difusor. «Galicia inventa unha maneira de facer poesía distinta da transpirenaica, creando un xénero orixinal, que non ten analoxías por ningures», sostivo no seu discurso de aceptación da distinción como membro de honra da RAG no 2004. «O resultado foi un modelo poético que soubo imporlle a toda a Hispania centrooccidental e a poetas non só galegos,e que produciu un conxunto de textos de gran relevancia cultural, máis que suficiente para caracterizala coma unha Provenza peninsular, forxa ou berce dunha das máis importantes manifestacións líricas da Idade Media».

O seu saber investigador levouno a escribir numerosos artigos e libros, entre os que destacan As cantigas de escarnio, en colaboración coa tamén académica de honra da RAG Giulia Lanciani -falecida en novembro pasado- e Dicionário da Literatura Medieval Galega e Portuguesa. Para Tavani, ademais, a relación entre galego e italiano foi unha viaxe de ida por volta, xa que tamén traduciu á súa lingua materna obras como o Grifón de Alfredo Conde ou Tempo de Compostela, de Salvador García Bodaño.