As fundacións e casas-museo de escritores de Galicia crearán unha rede para defender os seus intereses

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Na reunión na casa de Rosalía, en Padrón, participaron representantes de trece fundacións e catro museos de escritores
Na reunión na casa de Rosalía, en Padrón, participaron representantes de trece fundacións e catro museos de escritores

O colectivo debateu na casa de Rosalía en Padrón sobre as súas circunstancias e retos de futuro

24 mar 2019 . Actualizado a las 15:39 h.

Trece fundacións e mais cinco casas-museo de escritores galegos celebraron esta fin de semana unha xuntanza na casa de Rosalía, en Padrón, co obxectivo de debater sobre as súas circunstancias e retos de futuro. A reunión padronesa era a terceira asemblea do colectivo, despois de verse en Ponteceso no 2017 e en Celanova no 2018. 

O principal resultado deste encontro foi a decisión de crear unha rede para organizarse e mais para defender os seus obxectivos. Os representantes das entidades coincidiron na necesidade de contar cuns principios colaborativos, así como entre estas e a sociedade. Outra suxestión que se analizou foi a de sentar as bases para abordar no futuro a colaboración con fundacións do norte de Portugal

Para dar o primeiro paso de cara á creación desa rede, na xuntanza de Padrón creouse unha comisión xestora de seis membros, que traballarán co obxectivo de organizar esa rede de fundacións e casas-museo. O vindeiro encontro terá lugar na casa de Otero Pedrayo, en Trasalba, no mes de setembro.

Na sesión participaron representantes das fundacións Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Camilo José Cela, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Torrente Ballester, Otero Pedrayo, Uxía Novouneura, Losada Diéguez, Insua dos Poetas, Blanco Amor, Carlos Velo e Carlos Casares, ademais das casas-museo Valle-Inclán, Casa da Troia, Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro e Rosalía de Castro.