«Facer do canto un abeiro liberador»

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

César Quian

Escritores renderon onte na Real Academia unha homenaxe ao poeta vigués Salvador García-Bodaño

22 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Como poucos, Salvador García-Bodaño soubo erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador». Así fala o académico de honra Arcadio López-Casanova, compañeiro da xeración das Festas Minervais xurdida «naqueles anos escuros» de finais dos anos 50, e autor da laudatio coa que arrincou na sede da Real Academia Galega (RAG) o acto de recoñecemento ao poeta que naceu en Teis (Vigo, 1935) pero que foi en Santiago onde construíu a súa voz. O espazo vital e literario que marcou a García-Bodaño achegouse ata outra ourela na homenaxe que se lle rendeu onte na Coruña co gallo do Día da Poesía. Nun encontro que se titulou Horas de Compostela, poetas de distintas xeracións puxéronlles voz aos versos do homenaxeado e Miro Casabella recitounos, como leva décadas facendo, convertidos en cancións. Todas as contribucións están recollidas na plaquette editada para a ocasión coa que se agasallou ao público, dispoñible en versión dixital na páxina web da RAG.

«É difícil separar a voz do poeta do territorio simbólico de Compostela. O título desta celebración, homenaxe e festa da poesía, evoca inevitablemente o espazo que Salvador García-Bodaño habita dende a primeira infancia, malia nacer á beira do mar, pois ao longo da súa vida alí foi construído o seu canto, que é tamén a súa experiencia, memoria propia e memoria dos seus», salientou o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. «Compostela é a nación de Salvador; o espazo sentimental, emocional, histórico, sobre o que o poeta constrúe o seu discurso e se constrúe a si mesmo, espello de Galicia enteira, fiestra que se abre ao mundo e nos universaliza», concluíu Freixanes. «Compostela é unha rúa longa / na memoria / onde vagan os nomes / e as horas / que cadaquén recorda...», cantou como confirmación, entre outros versos, Casabella.

A poeta e música Andrea Porto conduciu a homenaxe.