Raquel Castro Pego: «A música clásica descubriume novas emocións que non tiña co pop e o rock»

A violinista ribeirense, que actuou en numerosos países, afirma que en España e Galicia está a medrar por fin a valoración do público sobre os intérpretes

A intérprete de Ribeira Raquel Castro, que impartiu hai uns días clases en Santiago, empezou co violín aos 16 anos
A intérprete de Ribeira Raquel Castro, que impartiu hai uns días clases en Santiago, empezou co violín aos 16 anos

santiago / la voz

Raquel Castro Pego (Ribeira, 1972) decidiu que o seu futuro pasaba por tocar o violín ao mes de ingresar na Orquestra Xove de Galicia e iniciar unha xira. Acabou a formación en Filoloxía Inglesa, pero a música converteuse na súa prioridade. Entre as súas recentes actuacións atópanse escenarios de Gran Bretaña, Francia, Italia, Croacia, Noruega e países do Oriente Medio e nos vindeiros meses agárdana en Bulgaria, Italia, Cuba e China. A súa faceta de intérprete combínaa coa docencia. É mestra na Escola Superior de Música de Cataluña dende o 2004 e tamén imparte clases por todo o mundo. A semana pasada estivo na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago, da que destaca o labor que está facendo en canto á formación de intérpretes.

-A súa relación co violín iniciouse máis tarde do habitual, aos dezaseis anos. O primeiro foi a mandolina na rondalla.

-Eu tocaba na rondalla de Aguiño e, naquela época, o responsable era o profesor Camilo Rumbao. A min interesábame moito aprender música e el chegou cun radiocasete e puxo unha gravación dun cuarteto. Preguntoume: «A ti gústache esta música?». Respondinlle que si e explicoume que eran dous violíns, un violonchelo e unha viola. Ao día seguinte, chegou cun violín e un libro e díxome: «As notas do violín son as mesmas que na mandolina e, aínda que se colle diferente, aquí tes un libro con indicacións». Así foi a miña primeira relación con este instrumento.

-Interpretación e docencia. Que lle proporciona cada faceta?

-Quero facer as dúas cousas porque se complementan. A experiencia no escenario trasládoa aos alumnos: como te presentas ao público, que queres dicir ti coa música, todas as experiencias que tes no escenario... A miña meta na docencia é que os alumnos cheguen a ser os seus propios profesores.

-E que intenta transmitir vostede coa música?

-Para min, a música é a expresión da alma. Cando interpreto unha peza intento entendela dunha forma profunda na que teña cabida o que o compositor quere transmitir xunto co que eu entendo e sinto coa obra.

-É difícil que as novas xeracións se acheguen á música clásica?

-Este achegamento é un problema de educación desde abaixo. Eu de pequena nunca escoitei música clásica. O que me pasou coa música clásica foi como un descubrimento. Con cada obra que escoitaba, as emocións, as sensacións que tiña eran novas; abríame coma un novo camiño de emocións e sensacións que non tiña coa música pop, rock... -que crecín con ela e que me encanta-. Entón, cada estilo prodúceche sentimentos diferentes. É un enriquecemento. Para min quen non coñece a música clásica pérdese algo cultural importante que pode enriquecer moito.

-Actúa e imparte clases en múltiples países. Advirte moitas diferenzas á hora de valorar a música clásica?

-Si. En Noruega, Finlandia..., aí vívese de xeito diferente. Hai un respecto á música clásica, un recoñecemento ao artista. En España vexo que cada vez medra a valoración. O nivel de músico clásico experimentou un crecemento incrible. Levo quince anos dando clase en Barcelona e veñen alumnos de todas partes do mundo. O nivel vai medrando ano a ano.

-Ata que punto é importante saír fóra para formarse? Ou é posible facelo dende España?

-É posible acadar unha boa formación aquí como demostra que vén xente de fóra, pero é importante ver o que hai no resto do mundo, enriquecerse, ter relacións con outros artistas, ver como viven a música clásica noutros lugares. A globalización é moi boa na música clásica.

-Que escenario lle marcou máis como intérprete?

-Hai moitos bos recordos. En setembro pasado, a primeira vez que toquei en Noruega, atopei moito calor do público. En Cuba tamén, a xente viña darche as grazas pola túa música.

-E pregunta obrigada: como ve dende fóra a música galega?

-Pois está considerada de moi alto nivel e os músicos galegos de forma moi seria. Tamén os compositores e as orquestras galegas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Raquel Castro Pego: «A música clásica descubriume novas emocións que non tiña co pop e o rock»