Galicia en Bos Aires


En Galicia sabemos que na cidade de Bos Aires, capital da República Arxentina, hai milleiros de galegos e descendentes de galegos de diferentes xeracións que sen dúbida marcaron e marcan o día a día desta ruidosa, atrapallada pero impresionante cidade. Quen non ten familia, amigos ou coñecidos vivindo alá?

Pois, como é lóxico, a súa presenza reflíctese no desenvolvemento cotián da sociedade bonaerense, convivencia de diferentes culturas na que os galegos temos un protagonismo particularmente especial, de aí que a todos os españois, sexan do lugar que sexan, se lles chame gallegos. Só con pasear polas rúas da cidade e fixarnos un pouco podemos ver cantidade de cousas e detalles que nos lembran directamente a Galicia: nomes de locais comerciais, de rúas, de bares, estatuas, cruceiros, etcétera.

Porque, non en van, son máis de cincuenta as agrupacións, sociedades ou centros de galegos operativos só nesta cidade, a pesar de que a día de hoxe, e por desgraza, algúns están esmorecendo ou en situacións precarias, pero aínda así con actividade social e cultural, sen esquecer, por importante tamén, a cantidade de intelectuais galegos exiliados na guerra que desenvolveron unha destacable actividade, como Castelao, Luís Seoane ou Bieito Cupeiro, entre outros moitos.

Eu estiven media ducia de veces en Bos Aires e coñecín moita xente amante de Galicia e da súa cultura, a pesar dos estereotipos e dos propios complexos aínda existentes, e isto é moi positivo. Desta última vez, no ano 2018, fun convidado a dar unha charla para estudantes do instituto arxentino-galego Santiago Apóstolo, un centro de ensino que leva en activo dende 1988 cunha boa parte do seu profesorado e alumnado de orixe galega, onde o noso idioma e a nosa cultura están presentes e brillan con dignidade.

Por iso, non debemos esquecer que son este tipo de lugares os que manteñen acesa a chama da galeguidade, sobre todo en xeracións de futuro e en lugares tan significativos como a capital da Arxentina. Son un ben a protexer, así que atención ao trato que se lles dá.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos
Comentarios

Galicia en Bos Aires