Van Gogh no cine

CULTURA

15 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se o xulgamos desde a perspectiva cinematográfica, calquera podería dicir que o gran pintor postimpresionista Vincent Van Gogh está a resultar máis atraente pola súa vida esbandallada que pola súa extraordinaria obra. Algo que ten axeitada explicación se temos en conta a súa entoleada paixón pola creación pictórica e pola busca constante dunha autenticidade alén dos seus límites creativos racionais. Ata o punto de que para Van Gogh pintar era a única maneira de vivir, de respirar, de sentir e de crear.

A primeira película sobre el foi O tolo do pelo vermello (1956), protagonizada por Kirk Douglas, unha obra que nos descubriu a moitos o intenso drama vital do artista e que nos levou a profundar no seu xenial e febril traballo creativo. Porque foi a partir deste filme cando nos sentimos atraídos pola forza e a singularidade dun gran pintor que só conseguira vender un cadro na súa doente vida e que tivo unha morte incerta e violenta. Paradoxalmente, deixou feitas unhas 900 pinturas e máis de 1.500 debuxos.

Logo viñeron outras recreacións cinematográficas: Vida e morte de Vincent Van Gogh (1986), Vincent e Theo (1990), Van Gogh de Maurice Pialat (1991-1993) e a magnífica achega Loving Vincent (2017), a primeira película realizada ao óleo baixo a dirección de Dorota Kobiela e Hugh Welchman. Algo que, ben seguro, tería asombrado ao propio pintor se puidese vela, porque se trata dunha homenaxe que ilustra sobre o seu propio proceso creativo, ao que el dedicou toda a súa enerxía e o seu talento. Finalmente, no 2018 chegounos Van Gogh ás portas da eternidade, de Julian Schnabel, e Van Gogh: dos campos de trigo baixo ceos nubrados, de Giovanni Piscaglia e Matteo Moneta. E o ballón aínda continúa. Porque o fracaso vital deste enorme artista parece ter cada vez máis consideración tanto como biografía cinematográfica coma magno pintor.

A historia -é dicir, a vida- de Van Gogh ten todos os elementos dunha traxedia grega, onde homes e deuses parecen malentenderse nun espazo de desencontros dos soños humanos coa realidade e, ao cabo, coa propia existencia. Van Gogh quixo pintar e tivo a irrefreable forza de vontade de facelo. Pero só puido triunfar despois de morto.