Granuaile


Na década dos anos oitenta coñecín a música dun compositor irlandés chamado Shaun Davey. Impactoume o seu xeito de combinar o tradicional co sinfónico, algo moi habitual e que se fai sen complexos en moitos países europeos, pero que aquí é unha auténtica rareza.

Dende que souben da súa obra, fun mercando, aos poucos, os traballos que me parecían imprescindibles, como o Brendan Voyage, inspirado nunha recreación moderna da viaxe atribuída ao santo irlandés San Brandán; The Pilgrim, baseado nas peregrinacións atlánticas á Compostela medieval; ou The Relieves of Derry, inspirado no asedio á cidade norirlandesa de Derry do século XVII.

Pero o que máis me impactou foi Granuaile, obra feita sobre a historia da mítica pirata irlandesa Gráinne Ní Mháille, muller de grande coraxe que defendeu os seus dereitos como muller e fíxose respectar como comandante dunha frota de barcos que dominou as augas occidentais de Irlanda no convulso século XVI. Loada, apreciada e temida pola súa valentía, foi inimiga declarada da coroa de Inglaterra e, por tal feito, considerada unha heroína para os irlandeses. Aínda hoxe é o día no que se poden escoitar historias e cancións que falan das súas proezas e aventuras.

Unha das historias máis coñecidas é a da entrevista coa raíña Isabel I, para tratar de chegar a un acordo e pór fin aos continuos fustrigamentos mutuos; aquela conversa dise que foi levada a cabo en latín, xa que nin Gráinne sabía inglés nin Isabel I coñecía o idioma gaélico. Daquel encontro saíu un acordo satisfactorio pero pouco duradeiro, e Gráinne uniuse á causa dos irlandeses contra Inglaterra na coñecida guerra dos Nove Anos.

Nun dos temas deste traballo, chamado Ripples in the Rockpools, faise referencia ao seu primeiro marido, Donal an Chogaidh, na que lle pregunta se quere navegar con ela dende Irlanda ata a distante A Coruña. E sen deixar de ser unha curiosidade, o certo é que a nosa cidade galega sempre estivo fortemente ligada á historia de Irlanda grazas ao Atlántico, noutrora gran corredor comercial e cultural.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
29 votos
Comentarios

Granuaile