Nenos galegos e lusos cantan «No bico un cantar»

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O concerto celebrouse o ano pasado en Mondoñedo
O concerto celebrouse o ano pasado en Mondoñedo XAIME RAMALLAL

Tui acolle o 7 de xuño a sétima edición dun concerto que xunta música, poesía e mocidade

12 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tui acolle o 7 de xuño a sétima edición do concerto No bico un cantar, unha proposta que une a música, a poesía e a mocidade, e que neste ano se abre aos nenos galegos e portugueses. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, presentou esta cita acompañada entre outros pola conselleira de Educación, Carmen Pomar, o alcalde de Tui, Carlos Vázquez, e o director artístico desta proposta, Maximino Zumalave. Serán medio milleiro de nenos e nenas chegados dos conservatorios profesionais e das escolas de música da zona, tanto de Galicia como de Portugal, pois «o Miño é unha raia que nos une e non unha muralla que nos separa», dixo a presidenta do Consello.

Os rapaces cantarán cinco obras: o poema San Campio, romaría galega; Veira d’o mar, un poema ao que Reveriano Soutullo lle puxo música; a canción popular portuguesa Ó rama, ó que linda rama, cos arranxos musicais de Juan Durán; a cuarta das pezas será a estrea da versión musical do poema de Xosé María Álvarez Blázquez No rego do prado!, ao que lle acaba de poñer música o compositor mozo Alexis Rozas, un compostelán con ampla formación musical a pesares da súa xuventude. O poema de Rosalía de Castro Maio longo porá o peche, como vén sendo habitual desde que se puxo en marcha este programa hai xa sete anos.

Esta didáctica e musical iniciativa xorde da colaboración do Consello da Cultura, a Consellería de Educación e a Dirección Xeral de Políticas Culturais, á que se suma nesta edición o Concello de Tui. O concerto será ás 17.30 na praza da catedral tudense, logo dun día de actividades lúdicas e culturais para os cincocentos nenos participantes.

Sen ensaios previos

O concerto ten complexidade, porque, aínda que ao longo do curso os participantes preparan o seu repertorio nos centros de orixe, non fan un ensaio común previo ao concerto ata a propia mañá do 7 de xuño.