A volta de Woody

CULTURA

01 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O gran cineasta Woody Allen, que fixo 83 anos de idade o pasado 1 de decembro, levaba xa ben tempo sen que ninguén se achegase a el para financiarlle unha nova película, unha das moitas que aínda ten na cabeza e detrás das que antes corrían os produtores. Ben seguro que o lector se acorda de Annie Hall, Manhattan, Balas sobre Broadway, Match Point e moitas outras. Todas obras do gran creador agora zarandeado por sementadores de acusacións vencelladas ao acoso sexual. Algo excesivo neste caso, porque, onde están as probas contra el? E se existen, por que non está no cárcere?

É unha triste historia a súa, certo. Unha historia que lle tocou por moitas razóns, entre elas por non ter morto xa. Porque foi por isto polo que lle deu alcance unha causa pública empurrada polo movemento MeToo, que acugula xustas denuncias, pero, se cadra, tamén algunhas vinganzas. A Woody Allen tocoulle apandar cos odios africanos dun guerracivilismo familiar. E aí está, cunha película terminada e retida polo coloso Amazon (ao que el acaba de demandar por incumprimento de contrato) e con outras na cabeza que ninguén lle encarga por medo ás consecuencias de apoiar a un xigante encadeado... Mais agora a española Mediapro acaba de darlle unha oportunidade. A ver!

O director de fotografía Vittorio Storaro, que gañou tres Óscar e que traballou ás ordes de Allen en tres filmes, ousou responder o que pensa: «Se se refiren ás acusacións, para min Woody non é un monstro, é unha vítima». É algo que moitos comparten no seu contorno, pero poucos ousan dicilo. Ésta é unha parte noxenta da historia. Un caso (o seu) que Allen debería poder levar ao cine, porque quizais ningún outro director lograría contar esta traxedia desde a súa ladeira máis persoal e doente.

O cineasta tense por unha vítima desta época que lle tocou vivir. E quizais xa miraba o seu tempo restante coma o dun xenio condenado a non crear máis, a non existir como cineasta, a verse desaparecido nun combate que comezou de súpeto e ao que non se lle vía o fin. Cousas de destinos cruzados, moitas veces absurdos e crueis… Mais parece que agora puidera non ser este o final do cine de Woody Allen. Irémolo vendo.