«Hai que crear vasos comunicantes entre a Real Academia Galega e a xente miúda», di Fina Casalderrey

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Participantes e asistentes na presentación do proxecto Primavera das Letras no CEIP de Carballedo
Participantes e asistentes na presentación do proxecto Primavera das Letras no CEIP de Carballedo

A RAG presentou unha nova edición do proxecto Primavera das Letras no CEIP de Carballedo (Cerdedo-Cotobade)

01 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega (RAG) presentou onte unha nova edición do proxecto Primavera das Letras -este ano, o escritor homenaxeado é Antonio Fraguas- no CEIP de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), nun acto no que tiveron especial protagonismo os alumnos deste centro e tamén do colexio de Tenorio. A iniciativa, lembra a Academia, fornece a comunidade escolar de infantil e primaria de material lúdico e didáctico arredor do universo do protagonista do Día das Letras Galegas 2019. «Antonio Fraguas vainos permitir viaxar polas raíces da nosa cultura, a cultura popular, en certa medida a memoria dos avós, que fixeron posible que en tempos de devalo a lingua e a cultura de Galicia teña a vitalidade que acadou hoxe. Como ben di o seu título, Primavera das Letras é sobre todo unha primavera: una aposta apaixonada e optimista cara ao futuro», enxalzou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Nesa mesma liña incidiu a académica Fina Casalderrey: «Para que as mil primaveras de Cunqueiro se cumpran, hai que crear vasos comunicantes entre a Academia e a xente miúda e o profesorado».