Reivindicando á Rosalía orixinal

Javier Becerra
JAVIER BECERRA REDACCIÓN

CULTURA

MJ Pérez, nun concerto en Carballo
MJ Pérez, nun concerto en Carballo BASILIO BELLO

A versión que MJ Pérez fixo de «Malamente» empregando a letra de «Castellanos de Castilla» pon o foco nesta cantautora nova de Arzúa

27 feb 2019 . Actualizado a las 10:21 h.

Para María José Pérez (Arzúa, 1992) o humor é fundamental. «É a miña forma de ser, e iso vese na miña música, aínda que quen non me coñeza poida dicir que estou fatal da olla», di entre risas. Por iso, coincidindo co Día de Rosalía, plasmou nun vídeo unha idea que tiña na cabeza: coar os versos de Rosalía de Castro na música da outra Rosalía, a estrela do pop que todo o mundo ten nos beizos nos últimos tempos.

«Un día estaba cun colega que é poeta, Vicente Vázquez, e pensamos o de fusionar unha Rosalía coa outra», lembra. «Collemos Castellanos de Castilla e empecei a cantar por riba. Quedamos impresionados porque encaixaba todo perfectamente na canción. O único era o malamente. E para min o chiste era precisamente non dicir malamente». A idea quedou aí, coma un chiste privado, ata que este luns se materializou nun vídeo que se virilizou de xeito instantáneo en Internet. O título? Malaxente.

«Se soubese que ía pasar isto traballaríao un pouquiño máis e faríao máis lentamente», ironiza esta fan das dúas Rosalías. Da cantante di: «Está facendo unha serie de cousas moi grandes. É moi fácil criticala, pero eu créoa. Aos que lle restan valor eu dígolles: “Faino ti”. O que fai esta rapaza vai moito máis aló». Esa devoción emprégaa para honrar á Rosalía galega: «Quero que a xente escoite o que di e que pense no poema. Sempre nos poñen esa figura da poeta chorona e aquí vese unha muller loitadora, que quere a súa terra e defende a súa xente».

Mirada ao fado

Cassandra é, por agora, o último traballo desta artista. Un disco que mira cara ás músicas de raíz, que mostra certa querenza latina e que se inclina pola cadencia do fado. «Miña nai é portuguesa e eu bebo moito de Portugal», explica. Quítalle importancia a este breve instante de éxito nas redes sociais: «É unha falcatruada, pero benvido sexa se iso serve para que a xente se aproxime a Rosalía e me coñeza. O meu obxectivo é compartir o que creo. Non ten ningún sentido facer todo isto para que quede dentro das catro paredes do cuarto».