
O profesor Maximino Cacheiro rescata a súa antoloxía que editou Baía no 2006, nun dobre esforzo, para o «e-book» e traducida ao castelán por Ánxeles Penas
21 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.«Vanme mallar», chancea o profesor Maximino Cacheiro, que vén de rescatar para a lingua castelá a antoloxía Amor en feminino -que preparou no 2006 para Baía- grazas ao apoio da editorial madrileña Manuscritos e coa tradución de Ánxeles Penas. Tamén a recupera en galego en formato e-book da man do selo orixinal. O da malla déixao caer un pouco pedagoxicamente porque, xa no prólogo, Camiño Noia bota en falta a presenza de nomes como Xohana Torres e Xela Arias. E el quere deixar claro que o que chega as librarías é unha escolla de poesía feminina amorosa confeccionada hai máis de doce anos.
Nos casos de Torres e Arias -«a primeira era amiga persoal e a segunda foi miña alumna»- explica que non encaixaban nesta reunión: «A propia Xohana díxome que ela non tiña poemas de amor, só elexías, e a obra de Xela nos oitenta andaba por agromar», lembra Cacheiro, para matizar que, cando se puxo a traballar, impúxose como límite temporal para incorporar obras ao volume precisamente o ano 1980. Serían ademais, recorda, escritoras contemporáneas e nunha situación de recoñecemento público preto da consagración, non en plena emerxencia. A única excepción que faría á esixencia contemporánea -porque lle resultaba imposible pasala por alto- sería Rosalía de Castro, o comezo de case todo en Galicia.
Cacheiro (A Coruña, 1943) admite que hoxe tería feito outro libro ben distinto porque «agora hai moitas poetas galegas e de grande calidade». É máis, anota, faríanlle falta tres ou catro tomos: «Non son de poñer un poemiña de cada autora, eu creo que debe expoñerse unha pequena serie de cada unha para que o lector poida entender a súa calidade e a súa visión do mundo». No 2019, nos tempos do #MeToo, incide o profesor, «co que evolucionou a mentalidade feminista, é un labor para outra persoa, e deben ser elas mesmas as que se ocupen». Non fala sen criterio Cacheiro, aínda que, como profesor de Literatura Hispanoamericana na Universidade de Vigo, xa xubilado, considérase só un afeccionado, non un especialista no tema. «Eu, ademais, xa o fixen cando non o facía ninguén». De feito, publicou de modo pioneiro, en 1987, Poetisas galegas do século XX (Grafiga) e no 2004 Poemas de amor da xeración dos 50 (Tórculo), que profunda nas obras de Pura Vázquez, María do Carme Kruckenberg e Luz Pozo.
«Moitísimo traballo» dedicou Ánxeles Penas a levar ao castelán os textos de Amor en feminino. Tratou a profesora e poeta de preservar, en cada autora e en cada poema, os seus ritmos e as súas rimas. E, aínda que se trata de linguas irmás, puxo especial coidado en mimar unhas musicalidades que son moi distintas. Procurou, en suma, insiste Penas, ser a mellor tradutora posible e caer o menos posible na traizón que se lle supón a este oficio.
E hai que dicir que os versos de Rosalía, Pura Vázquez, Luz Pozo, María do Carme Kruckenberg, María Xosé Queizán, Helena Villar, a propia Ánxeles Penas, Marica Campo, Ana Romaní, Pilar Pallarés e Marta Dacosta non deben sentirse traizoados.