A obra de Luz Pozo segue a medrar oito décadas despois con «Pazo de Tor», o seu novo poemario

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«En Pazo de Tor» (Alvarellos Editora), a escritora de Ribadeo viaxa ás raíces familiares dos Garza

04 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A poesía, como a beleza, non ten idade. Luces e sombras conmovidas / O tempo é relativo / e a contraluz do tempo / pasan tamén as vidas... / Manan felicidade a contrapunto lento / as fontes transferidas. As medidas convencionais non serven ás musas. Isto vén a corroborar a escritora Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922), quen, aos seus 96 anos, publica novo traballo, oito décadas despois da aparición de Ánfora (Vigo, 1948), o seu primeiro poemario. En Pazo de Tor (Alvarellos Editora) viaxa ás raíces familiares dos Garza, estreitamente ligadas a esta propiedade situada na parroquia monfortina de San Xoán de Tor e nun privilexiado miradoiro sobre o val de Lemos. A autora parece rastrear nas súas orixes -a presenza da nai alcanza unha gran transcendencia no libro- a súa identidade e tamén a vixencia da súa mirada: Eu son a creatura que chama polas rosas / ás portas do misterio / Todo se fai milagre / na patria dos oráculos / e agardo o compromiso / de saber que aínda existo.

«A palabra da poeta é a busca permanente do seu significado, para dar coa razón do enigma, que é a razón da nosa propia existencia», sinala o escritor e presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, no prólogo que redactou para esta edición, e no que saúda o libro como «cheo de esperanza (e luminosidade)». «O lector debe entrar no verso deixándose levar, descalzo, espido de precaucións e entregado a cada paso que, de vagariño, nos conduce pola escada de luz, coma nos antigos místicos, coma os pitagóricos, cara ao non nomeado, a música das esferas, que non se pode describir, mais debemos limitarnos a sentila», convida Freixanes.

«A vida é fermosa / A vida é sagrada / Non hai que ferila / Non hai que danala. Que estas palabras [que, nun breve limiar, extrae do poema Últimas visións a profesora Carmen Blanco, responsable da edición] sexan reparación da desmemoria, do maltrato e da inxustiza para toda a xente».