Luis Zahera: «O Goya levareillo á Coruña á miña tía Cefe, que ten case 90 anos»

O actor asegura que este premio lle fixo sentir a ilusión dun meniño o día de Reis: «Como se me trouxesen a bici»


REDACCIÓN / La VOZ

Luis Zahera (Santiago de Compostela, 1966) vén de recoller o Goya como mellor actor de reparto polo seu papel de Juan Margallo na película El reino. Un tipo sen escrúpulos, ambicioso, ao que Zahera consegue darlle, como adoita facer sempre, un punto de humanidade para achegalo á pel do espectador. «O truco desta profesión é non ter ego», asegura. Zahera é todo un Petróleo.

-Acaba de «aterrizar» en todos os sentidos! Xa está na casa.

-En todos os sentidos, si, si. Literalmente tamén. Pero xa estou aquí, en Compostela, e todo ben, todo ben...

-Como está despois do subidón?

-Ben. Xa tiña ganas de que rematara todo isto porque foi unha semana moi frenética, que por un lado é moi agradecido, pero eu que sei!, xa empezo a estar un pouco talludito [ri], un pouco maior. Pero foi incrible o cariño dos compañeiros, foi todo moi bonito. Como cando de rapaz abrías a porta e aparecían os regalos dos Reis Magos, que ten un punto máxico moi interesante.

-O Goya tróuxolle a ilusión dun neno daquela.

-Si, si, claro. Son o meniño que debemos ter todos os actores dentro, e claro, saíume o neno de dentro, unha ilusión moi bonitiña, a verdade.

-Estaba nervioso? Esta vez vía que tiña máis posibilidades? Alguén puxo unha vela á Virxe...

-[Ri] Non o sei, descoñézoo; home, pero sendo realistas El reino colleu un pouco a onda, como din os surfistas. Ía todo ben; como se di popularmente, algún Goya tiña que caer. Isto sempre é un pouco lotería, moita xente que vota, pero si, faste ilusións.

-A súa dedicatoria foi para «a súa Julieta», o seu compañeiro Antonio de la Torre.

-Claro, claro. El é a miña Julieta, algo preparado tiña que ter nese momento por se saían as cousas, e eu estaba moi agradecido tamén a el.

-Que significa este Goya?

-Son os premios da cinematografía española, ten un punto de importancia; xa chega con estar nominado, pero se cho dan, pois é como cando che traían a bicicleta. Miña nai! Como a bici ou o Scalextric, unha cousa así, xa seguindo na liña de ser un rapaciño. Son uns premios importantes aos que lles dás valor. Agora, o que realmente valoramos os actores é manterse, ter traballo. A día de hoxe non estamos nunha época de cambios, estamos nun cambio de época. Eu creo que para os actores é un momento doce con isto das plataformas, nunca houbo tanta televisión e hai bastante traballo.

-Xa sabe onde o vai gardar?

-Vouno levar á Coruña á casa da miña tía Cefe, que é a única maior que nos queda na familia. É como a miña nai. Ten oitenta e moitos anos e voullo levar a ela, faime moita ilusión que o teña ela, evidentemente.

-Pois a ela non lle quero contar...

-Espero, espero. Falei o outro día con ela e díxenlle: «Se mo dan, xa cho levo»; e ela contestoume que encantada, xa ten algún Mestre Mateo, xa ten algún premio máis. Vai ter que facer un «mueble troferero», como dicía o outro.

-Moita xente ao velo na gala do sábado dixo: «Gañou Petróleo!».

-Claro, claro. Antonio Ferrandis morreu como Chanquete e eu morrerei como Petróleo, non hai volta de folla. A min chístame moito o de Petróleo porque foi unha serie [Mareas Vivas] que nos posicionou, hai unha morea de actores que saímos de aí. Que vou dicir eu de Petróleo! El tróuxome un lote de alegrías. Nunca abominarei de Petróleo, para min é unha parte moi importante da miña carreira e estou orgullosísimo.

-A vostede non o subornan, como en «El reino», o éxito non se lle sobe á cabeza!

-Home, claro, ese é o truco. No noso, o ego é o peor que che pode pasar. Hai que ter moito coidado con iso, moito.

-Cal é, entón, o seu «Reino»?

-O traballo, porque é tan divertido, tan marabilla que ese é o meu verdadeiro reino.

PARA SABER MÁS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
28 votos
Comentarios

Luis Zahera: «O Goya levareillo á Coruña á miña tía Cefe, que ten case 90 anos»