Alejandro Jato: «Tiña ganas de estar nunha serie do prestixio de "Serramoura"»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A incorporación do actor no papel de Brais será un dos pratos fortes do episodio desta noite

03 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A punto percorrer os teatros españois coa montaxe Ilusiones, de preparar unha residencia artística e de estar cada tarde no serial de TVE Servir y Proteger, Alejandro Jato asegura estar moi feliz coa chegada de Brais a Serramoura. 

-Había ganas de estar en «Serramoura»?

-A verdade é que tiña moitas ganas de estar nunha serie que ten tanto prestixio dentro do panorama galego. Era a primeira vez que facía unha proba, e finalmente saíu un personaxe fantástico co que gocei moito.

-A súa incorporación no papel de Brais é un dos pratos fortes do episodio desta noite. Quen é esta personaxe?

-Brais é un rapaz que traballou en varios negocios antes de aparecer na vila de Serramoura. Todos eles fracasaron, porque Brais é un tipo do que non te podes fiar moito, pero é moi intelixente e sempre trata de facer as cousas á súa maneira, que acostuma ser á marxe da lei.

-A traxectoria da serie indica que todos os personaxes de «Serramoura» agochan algo. Tamén é así no caso de Brais?

-O pasado de Brais coñécese desde o principio, entón o que garda tampouco resulta ser un gran segredo. O que vai facendo ao longo dos episodios é pensar en novas estratexias para poder saír coa súa. En cada capítulo vaise metendo nunha serie de problemas e de camiños sen saída, que lle farán pensar moito e idear outros plans para evitar eses problemas.

-Brais supuxo algún reto desde o punto de vista da interpretación?

-Por sorte Brais é un personaxe bastante afastado de min [ri], pero o proceso de creación foi bastante fácil, porque definímolo moi ben cos directores e co resto de compañeiros. É un personaxe moi diferente a outros personaxes de Serramoura e á xente normal da que nos podemos atopar pola rúa, polo que o gocei moito. 

-Que significou para vostede participar na nova temporada de «Serramoura»?

-Unha cousa que me facía moita ilusión era traballar con compañeiros e amigos que xa coñecía de antes, pero cos que non tivera a sorte de participar noutros proxectos, como por exemplo Miguel Canalejo ou Tito Asorey, e foi un pracer traballar nun ambiente tan familiar como é Serramoura. Dende o punto de vista do actor, estiven moi cómodo cos directores, tivemos exteriores fantásticos e unha trama moi bonita na que puiden propoñer moitas cousas. 

-Como cres que será a acollida de Brais polos «serramourers» e todos os espectadores desta serie?

-Espero que ben [ri], aínda que ao principio Brais non é unha persoa que se faga querer. Está acostumado a facer o que lle dá a gana, pero tamén se lle verá un lado humano. É un personaxe con varias caras e está moi ben escrito desde ese punto.

-Que atoparán os espectadores no episodio de «Serramoura» desta noite?

-Moita tensión e moita aventura, porque é un episodio que gravamos con moitas ganas e con moito estímulo.