Filman os nosos soños

CULTURA

28 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Acabado de levantar, espreguizándose e aínda en pixama, Santiago Auserón daba un consello a xente coma el e coma nós: «Tal vez debiéramos permanecer algo más fríos frente a la televisión, porque temo que del otro lado nos pueden ver». O cantante de Radio Futura asinaba en solitario Sueños en televisión para La bola de cristal, o programa creado por Lolo Rico, falecida o pasado luns. Era 1984, o ano orwelliano, e Auserón alertaba do reverso dunha tecnoloxía -os ordenadores empezaban a entrar na nosa esfera doméstica- que o país contemplaba entre o abraio e a fascinación. Era en realidade un cabalo de Troia que nos espiaba? A Guerra Fría aínda dividía o mundo en dous grandes bloques e libraba batallas deslocalizadas, mentres que aquí as convulsións da Transición e o 23F eran unha lembranza recente, terreo aboado para suspicacias.

Agora sabemos que aquela espionaxe existe, mais doutro xeito. Quizais non nos vexan dende o outro lado da tele, pero os móbiles e os ordenadores, aos que entregamos a nosa intimidade, apañan e preservan toda pegada que deixamos. Hoxe, Auserón non se espertaría diante do televisor, senón co móbil na mesiña de noite, ese aparello capaz de rexistrar anacos dos nosos soños. Porque agora tamén sabemos que o cantante tiña razón, e que era iso o que en realidade querían de nós: «No deben saber quién soy, alguien filmó mis sueños en la televisión». A mellor materia prima para revender no mercado, o verdadeiro cerebro tras ese Grande Irmán incorpóreo. A pista xa estaba en La bola de cristal e a Bruxa Avaría: «¡Viva el mal, viva el capital!».