Budiño revélase como cantante e letrista no seu novo disco, «Fulgor»

O músico moañés dá un xiro na súa traxectoria outorgándolle protagonismo á voz

Budiño (no centro) publica o disco «Fulgor», que tamén dá nome a un viño
Budiño (no centro) publica o disco «Fulgor», que tamén dá nome a un viño

Santiago / La voz

«Budiño cantaba e tiña ganas de facelo», di o actor Carlos Blanco. O silencio acabouse para o músico moañés. Despois de seis anos sen traballo discográfico con novas composicións, regresa con Fulgor. E, ademais, faino cambiando de instrumentos. A gaita e a frauta ceden protagonismo, por primeira vez, á súa voz despois de máis de dúas décadas. Deste xeito, reinvéntase para emerxer como compositor non só da melodía -como ata agora-, senón tamén da letra que el mesmo interpreta. «Fulgor nace da necesidade de dicir cousas con outro instrumento. Levaba anos tocando a frauta e a gaita, compoñendo, pero tiña a necesidade de utilizar a voz. Tamén nace de Arousa, de moitos amigos que me dicían que dera o paso, que para min era moi complicado porque non o tiña claro», asegurou en Santiago.

 Pero o que espertou esta nova faceta de Budiño, en realidade, foi Fran Pérez, Narf. «Era un día soleado nas cataratas do Niágara, nunhas probas de son para gravar unha canción xuntos. Díxome: ''Non entendo por que me chamas para acompañarte a cantar, se ti deberías coller o micro e facelo ti''. Aí saltou esa primeira chispa, ao pensar que se Narf o di...», explicou Xosé Manuel Budiño na presentación entre amigos, músicos e colaboradores.

Para mergullarse nesta nova faceta de cantante, o artista solicitou a colaboración para as letras, porque empezou coa idea de compoñer, mais «o de escribir era moi complicado». Así que botou man de amizades: Antía Otero, Mercedes Migel (Vega) e Xoel López, que poñen letra a tres das dez cancións: Pulso, San Xoán e Santiago, respectivamente. Pero, conforme foi avanzando o proceso, empezou a buscar sons co piano e «tamén nacen as cancións». Así, seis temas deste Fulgor co que Budiño amosa outra faciana e emprende un novo camiño na súa traxectoria tamén teñen letras propias. O traballo complétase con Bos amores, con música de Narf e letra de Rosalía, á que o artista lle pon voz.

O músico moañés móstrase neste disco, ademais de cantando, tocando o piano, os teclados e a guitarra eléctrica. A frauta tamén está presente en varias das composicións, pero a gaita tan só se asoma en Boreal. Para levar a cabo Fulgor tamén contou coa colaboración dos guitarristas Antonio Casado, Jairo Zavala e Luiz Caracol, así como coa participación do Cuarteto Quiroga. Un traballo discográfico, apuntou Budiño, pensado para interpretar en directo. A estrea de Fulgor sobre o escenario será o 15 de marzo na Sala Capitol. «Temos máis dun mes para que sexa un concerto poderoso», anunciou durante a presentación, na que exerceu de presentador o actor Carlos Blanco. «Budiño, tan minucioso e reflexivo, non se puxo a cantar ao tolo, senón despois de dar clases; el, que é tan sumiller para todo, pasou anos compoñendo», explicou o humorista, engadindo que no disco hai «un Budi novo, unha nova colleita. Budi aparece tocando o piano sen renunciar á gaita, sen renunciar á raíz, sen renunciar a quen é..., pero van aparecer novas tonalidades».

Un novo disco de Budiño que tampouco chega só. A adega Ponte da Boga tamén acaba de sacar un novo viño rosado co mesmo nome que o traballo do artista moañés, e que foi presentado onte na sala Riquela. «A música é un proceso creativo, e o viño tamén», asegurou o enólogo Rubén Pérez. A iniciativa enmárcase dentro dun proxecto de mecenado cultural.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Budiño revélase como cantante e letrista no seu novo disco, «Fulgor»