Macbeth e as meigas

x. f. firma REDACCIÓN / LA VOZ DATA / AGENCIA

CULTURA

De esquerda á dereita, Iria Ares, Xoán Carlos Mejuto, Carlos Sante, Luís Iglesia e David Perdomo
De esquerda á dereita, Iria Ares, Xoán Carlos Mejuto, Carlos Sante, Luís Iglesia e David Perdomo VÍTOR MEJUTO

A compañía galega Estudo Momento pon en escena a versión de Manuel Lourenzo dun clásico de Shakespeare sobre a ambición máis vixente ca nunca

24 ene 2019 . Actualizado a las 08:58 h.

As obras de Shakespeare sempre son pertinentes. O dramaturgo que destilou o amor, a indecisión, os celos, en arquetipos atemporais que seguen a ser relevantes en cada século novo. E no seu repertorio, Macbeth, unha traxedia sobre a ambición e o destino, semella máis vixente ca nunca, non xa polo seu mecanismo teatral, propio dun ourive, senón porque os trazos que retrata forman parte da paisaxe humana.

A versión do texto shakespereano que preparou en 1978 Manuel Lourenzo para Teatro Circo é a nova proposta de Estudo Momento, e que estrea na Coruña este venres día 25 de xaneiro (Teatro Rosalía 20.30 horas, entradas a partir de 6,50 euros). Macbeth. O ruído e a furia presenta en verso unha peza coa que a compañía quere reivindicar tanto ao bardo inglés como ao dramaturgo galego. «Pensamos que Manolo é un autor que nos últimos anos non se está representando coa frecuencia que se debera, e deste xeito tamén queremos homenaxear a unha figura importante para o teatro», declara Iria Ares, quen integra o elenco da representación canda Xoán Carlos Mejuto, Luís Iglesia, Carlos Sante e David Perdomo. 

Grandes clásicos

Xunto con este obxectivo, Estudo Momento persegue un segundo, que é o de achegar grandes clásicos do teatro -xa o fixo no 2018 con 1879. Casa de bonecas, unha adaptación de Ibsen que recibiu o premio Luísa Villalta- dun novo xeito e para un novo público. De aí que este Macbeth sexa unha versión reducida e tamén a particularidade de que no corpo actoral, hai nomes que malia non ser alleos ás táboas, son máis coñecidos polo seu traballo en televisión. «A diversión non é só a comedia», reivindica Mejuto, quen propón as fonduras e as catarses da traxedia -«o seu cumio como xénero»- como os vimbios para unha obra de puro entretemento.

Para Mejuto, codirector da montaxe con Iria Ares, a visión de Macbeth como «un boneco nas mans do destino» aparece claramente cando visita ás meigas: «Crese poderoso, pero nese encontro decátase de que elas son máis poderosas ca el». Son estas meigas as que tenden unha ponte entre a Escocia do libreto de Shakespeare e Galicia. «Estas meigas, ou feiticeiras, asociadas ao sobrenatural, nesta montaxe aparecen vinculadas á Santa Compaña», describe Iria Ares. As meigas e o seu carácter serán moi recoñecibles para o público galego: «Feiticeiras retranqueiras e ministras do fado»

As meigas son feiticeiras retranqueiras e ministras do fado

É un exemplo, tamén, da versatilidade de Shakespeare, que admite o que semellan inesgotables lecturas e ofrece unha inspiración interminable. Ares propón a serie House of Cards como exemplo de como Macbeth aparece no substrato deste drama político, aínda que tanto esta obra do escritor inglés como moitas outras agroman noutros éxitos televisivos, dende The Sopranos a Game of Thrones.

Despois da estrea no Rosalía, Macbeth. O ruído e a furia ten previsto xirar por Galicia. De momento hai datas confirmadas en Arteixo e mais Oleiros, e é posible que despois do seu circuíto galego regrese ao Rosalía para a súa despedida.