Voces ceibes

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

22 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Para moitos en Galicia foron sen dúbida unha gran referencia vital, e símbolo dun tempo que marcaba a fin dunha etapa escura para encetar unha nova máis esperanzadora e luminosa. Voces Ceibes foi unha xeración de músicos galegos que, con valentía, comezaron a rozar o camiño da reivindicación da nosa identidade cantando en galego e en contra da represión franquista. Tempos duros nos que, polo simple feito de cantar en galego, era doado ter un problema, sempre coa censura trazando liñas do que eles consideraban bo ou malo para o réxime. No ano 1968, cando se crea Voces Ceibes, en toda a Europa occidental había movementos de protesta social e, por suposto, o Estado español, onde a ditadura aínda afogaba as liberdades, non estaba á marxe; así, en Cataluña o colectivo Nova Cançó xa levaba dende a década dos anos 50 loitando a través da música pola cultura e a lingua catalá, igual que en Euskadi, onde o movemento Ez Dok Amairu (Non hai trece), nome sacado dun conto popular vasco que viña a dicir que se rachara o maleficio do número trece, traballaron entre os anos 1966 e 1972 coa fin de recuperar a cultura e a lingua vascas.

Entre outros moitos, estes dous colectivos serviron de inspiración para os galegos, que se agrupan a raíz dun concerto do cantautor valenciano Raimon celebrado no ano 1967 en Compostela. Un ano máis tarde organízase un festival na universidade cunha grande convocatoria, que serve para que o colectivo se dea a coñecer publicamente, sendo pouco despois cando adoptan oficialmente o nome de Voces Ceibes, a raíz dunha xuntanza á que acudiron boa parte dos integrantes e algunha personalidade máis da cultura galega, como Alfredo Conde. Eu sempre seguín a súa traxectoria dende as miñas posibilidades e teño gardadas boa parte das súas gravacións coma ouro en pano. Persoalmente, tiven a sorte de coñecer e tratar a varios deles, dos que incluso vin algún directo. Creo que o seu traballo non é coñecido nin recoñecido como debera, tendo en conta a pegada que deixaron na historia recente de Galicia. Quizais sexa un fado máis deste pobo desmemoriado.