«Arrombacoches», «xonqui» e «viravento» entran no Dicionario da Academia Galega

Xesús Fraga
X. Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O Dicionario da RAG pode consultarse en liña ou instalar en dispositivos móbiles
O Dicionario da RAG pode consultarse en liña ou instalar en dispositivos móbiles monica ferreirós

A obra incorporou 429 novas palabras no 2018, ano no que rexistrou case 22 millóns de consultas en liña, un incremento do 6,5 % con respecto ao 2017

16 ene 2019 . Actualizado a las 14:00 h.

O Dicionario da Real Academia Galega rexistrou no 2018 un total de 21.842.744 consultas -unha media de 60.000 diarias-, o que supón un incremento do 6,5 % con respecto ao 2017. A suba é aínda maior se se compara co 2014, dun 51 %. Consolídase así o emprego desta ferramenta, de uso gratuíto, que se pode instalar nos móbiles ou consultar en liña na web da Academia e no Portal das Palabras, un proxecto da RAG en colaboración coa Fundación Barrié.

As estatísticas da versión en liña do Dicionario non só permiten coñecer o número de consultas, senón saber tamén cales son as palabras máis procuradas. A lista destas cen está encabezada por , máis, botar, présa e ir, e nela figuran tamén termos como tremelucir, rebolo e testemuña. Ademais da busca de significado de termos, as consultas do Dicionario teñen como obxectivo resolver dúbidas ortográficas ou de conxugación de verbos, outra das utilidades da ferramenta.

Incorporacións

Ademais de medrar en usuarios, o Dicionario tamén incrementou o seu número de vocábulos. No 2018 sumou 429 palabras novas, o que fai que a obra supere xa as 57.000 entradas. Noutras 3.350 incorporáronse cambios para incluír sinónimos, novas acepcións ou mellorar as definicións. As tecnoloxías e a comunicación son os ámbitos que achegan termos ao Dicionario, mentres que o incremento na conciencia social de determinadas cuestións, como a igualdade, tamén levou ao Dicionario palabras como transxénero.

Palabras novas no Dicionario

Arrombacoches. Persoa que indica aos condutores as prazas de aparcamento dispoñibles a cambio dunha propina.

Ciberataque. Acción co obxectivo de tomar o control dun sistema informático, tanto para desestabilizalo ou danalo como para roubar ou manipular a información almacenada nel.

Conectividade. 1. Capacidade de conectarse ou facer conexións. 2. Capacidade dun sistema ou compoñente de poder conectarse a outro ou a unha rede (informática).

Fochiña. Buratiño que algunhas persoas teñen no queixo ou que se forma nas meixelas ao rir.

Viravento. 1. Aparello con aspas que ao viraren co vento fan ruído, usado para espantar os paxaros. 2. Aparello que consta dunha barra vertical fixa e unha peza móbil que se utiliza para indicar a dirección do vento.

Xonqui. Persoa adicta ao consumo de drogas, especialmente aqueles que o fan por vía intravenosa (coloquial).