As sombras de Valle-Inclán saen de xira

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A montaxe de Teatro do Noroeste desenvólvese nun espazo baleiro e sinxelo
A montaxe de Teatro do Noroeste desenvólvese nun espazo baleiro e sinxelo

Teatro do Noroeste leva a montaxe «Da avaricia, da luxuria e da morte», baseada en tres obras do escritor, a varias cidades galegas

11 ene 2019 . Actualizado a las 13:51 h.

O venres 18 de xaneiro Teatro do Noroeste inicia na Casa da Cultura de Bertamiráns a xira por recintos galegos da súa montaxe Da avaricia, da luxuria e da morte, baseada en tres textos de Valle-InclánLigazón, A cabeza do Bautista e A rosa de papel. As tres pezas son exemplos elocuentes do xenio do escritor e da súa variedade de rexistros: mentres Ligazón é un auto para siluetas, A cabeza do Bautista é un melodrama para marionetas e A rosa de papel é unha novela macabra. A unión entre elas está no título da proposta de Teatro do Noroeste: a avaricia e a luxuria, que desembocan, invariablemente, na morte.

Despois de Bertamiráns, a obra poderá verse os días 24 e 25 de xaneiro no teatro Principal de Santiago, para despois, o 23 de febreiro, visitar o teatro Rosalía de Castro da Coruña. Está previsto que logo se poida ver no Barco de Valdeorras e mais Ourense.

Dixiridos por Eduardo Alonso, cinco actores -Luma Gómez, Manuela Varela, Fernando Tato, Inma António e Miguel Pernas- e tres músicos -Bernardo Martínez (tamén compositor para a obra), Xan Casas e Felisa Segade (cantante de Leilía)- protagonizan a montaxe nun espazo escénico sinxelo e baleiro. O «teatro puro» é a aposta da compañía. «A reflexión sobre os textos levounos a concibir un espazo escénico baleiro, desprovisto de elementos e maquinaria. Un teatro nú no que cada peza se relaciona esteticamente cun elemento primario: vento, terra ou lume», explica Alonso.

A xira forma parte da celebración dos trinta anos da compañía. Neste sentido, tamén na Casa da Cultura de Bertamiráns, o xoves 17 de xaneiro inaugurarase a a exposición Teatro do Noroeste, 2017: 30 anos actuando. Ademais, o 23 de xaneiro, ás 20.30 horas, proxectarase no Principal de Santiago o documental 30 anos actuando: que nos quiten o bailado!, dirixido por Eva Alonso.