O Consello da Cultura dá un novo pulo a un gran museo da emigración

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, participou no primeiro plenario do 2019 do Consello da Cultura Galega
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, participou no primeiro plenario do 2019 do Consello da Cultura Galega Xoán Crespo

Traballará na redacción dun plan director para esta reivindicación histórica

11 ene 2019 . Actualizado a las 16:50 h.

Un dos alicerces de Galicia está fóra de Galicia. Está alén do mar. Na Arxentina. En Venezuela, Cuba, Brasil. E tamén Suíza, Londres, Alemaña. En Canarias. A identidade galega construíuse fóra. En realidade, tamén dentro. Dentro dunha maleta de cartón. Dun barco. Dun taxi que aínda percorre o camiño entre a Costa da Morte e Suíza. E hoxe, dun avión. Un billete de baixo custe para ese destino que é Galicia: a emigración.

Hai en todas as casas de Galicia a mesma fotografía. A daqueles que un día colleron os camiños á procura dun sustento. Pero o que non hai é un gran museo que explique ese alicerce fóra de Galicia que constrúe a identidade de Galicia. É unha reivindicación histórica que semella que agora está máis preto de facerse realidade, porque o primeiro plenario do ano do Consello da Cultura Galega, que presidiu Alberto Núñez Feijoo, decidiu crear unha comisión para a redacción dun plan director para o Museo da Emigración.

Será a acción exterior unha das principais liñas de traballo do Consello da Cultura para este ano. E ese camiño cara ao exterior comezará neste 2019 onde comezou a nova vida de milleiros de persoas: Ellis Island, porta de entrada para a emigración a Estados Unidos na primeira metade do século XX. A exposición Os adeuses chegará o 9 de febreiro aos pés da Estatua da Liberdade acompañada dunha variada programación cultural para situar a cultura galega en tan emblemático espazo.

Xeración Nós e Afonso X

Traballará alén do mar, pero tamén na casa. A presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, explicou durante a reunión do plenario que a institución xa encetou o deseño da programación plurianual que ten como protagonistas a Concepción Arenal, á xeración Nós e ás cantigas de Afonso X o Sabio. E, por suposto, coa mirada posta no ano santo do 2021.

Ademais, o Concerto das Letras Galegas este ano cambiará de intérpretes. No canto de ser a Real Filharmonía, será a orquestra Sondeseu, facendo unha chiscadela á cultura patrimonial que tanto axudou a recuperar Antonio Fraguas e que será o eixo central de outras actividades que se programarán en colaboración con diversas entidades.

Renovación de máis da metade dos membros e un orzamento que medra

O Consello da Cultura continúa este ano profundando na liña de anovación que comezou no 2018 e, de feito, o 52 % dos integrantes do plenario, os arquivos, as seccións e as comisións da entidade son novos. Sono tanto por ter cumprido o tempo máximo de permanencia na institución como pola procura dunha renovación dos equipos e as persoas que coordinan as diferentes seccións que conforman o Consello da Cultura, que este ano contará cun orzamento de preto de 2,7 millóns de euros e que medra en 132.000 euros con respecto ao 2018. Con esta cantidade preténdese manter as liñas de traballo habitual e seguir polo camiño da renovación nos formatos e unha maior transversalidade para así achegar o Consello da Cultura e toda a súa actividade a novos públicos.