Luis Hermida, o único neno fotógrafo

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Última foto que se tomou de Rosalía de Castro, na que aparece en 1884 coa familia no xardín da Casa da Matanza.
Última foto que se tomou de Rosalía de Castro, na que aparece en 1884 coa familia no xardín da Casa da Matanza. RAG

A finais do século XIX, en Compostela, traballou coa cámara un rapaz de oito anos que tiña, na rúa do Vilar, estudio propio ao seu nome, un caso insólito na historia, di o investigador Carlos Castelao

10 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un neno fotógrafo de só oito anos e con estudio propio na rúa do Vilar, na cidade vella santiaguesa. Ocorreu en 1885. Algo insólito no mundo coñecido, subliña Carlos Castelao, que quedou abraiado cando descubriu a Luis Hermida Cabello mentres andaba na procura de material para a elaboración do seu ensaio As orixes da fotografía en Galicia. Os estudios composteláns do XIX, unha obra pioneira sobre o nacemento deste oficio na comunidade, enxalza o editor Quique Alvarellos, responsable do selo que, xunto co Consorcio de Santiago, publica o libro.

Castelao só foi quen de atopar unha foto firmada por este rapaz, a que fixo da inauguración en Santiago, o 28 de xullo de 1885, do monumento que homenaxea, nos xardíns do parque da Alameda, ao heroe do Callao e almirante Casto Méndez Núñez, unha imaxe que conserva o Museo de Pontevedra. Como reforzo testemuñal, tamén achou na prensa da época noticias (e anuncios publicitarios) que ratifican o labor de Hermida na rúa. Sería, segundo os seus estudos, o único caso na historia do que se ten coñecemento.

Única foto que se conserva firmada por Luis Hermida, e que recolle a inauguración en Santiago, o 28 de xullo de 1885, do monumento a Méndez Núñez
Única foto que se conserva firmada por Luis Hermida, e que recolle a inauguración en Santiago, o 28 de xullo de 1885, do monumento a Méndez Núñez Museo de Pontevedra

El só sabe de dous exemplos que se achegan en prematuridade: o pintor e fotógrafo francés Henri Lartigue, ao que seu pai lle regalou unha cámara cando tiña oito anos, e coa diferenza de que non se dedicou profesionalmente ao oficio, fotografaba escenas efémeras, xente en movemento, unhas imaxes nas que, por certo, mostra moita intuición co disparador; e está tamén o neno Lo Manh Hùng, que con doce anos cargaba coas súas máquinas Pentax e Minolta para desempeñar a tarefa de seu pai, ao que substituíu para cubrir a guerra do Vietnam cando resultou ferido nunha perna (hai moitas imaxes da actitude decidida do reporteiro, algunhas tomadas por soldados americanos).

Da rúa do Franco ao Vilar

Luis Hermida aparece como titular do estudio, seguramente, da man de súa nai, Juana Cabello -quen firmaba como J. Cabello e foi, para todos e ata hai pouco, un fotógrafo-. Ela debeuse formar na súa Zaragoza natal, como ocorreu con María Cardarelly, a primeira fotógrafa profesional que traballou en Compostela e en Galicia. Os destinos militares do esposo de Juana (Andrés Hermida era de Vedra) levaron finalmente á familia a afincarse en Santiago en 1881. Preto de 1884 abriu un gabinete ao seu nome na rúa do Franco, pero non tardou en pechar, antes de rematar o ano, nun fracaso de tipo económico provocado polo caro que para o cliente resultaba o seu produto, de gran calidade, e pola súa condición de muller.

En febreiro de 1885 a familia abriu un despacho ao nome do fillo, Luis Eusebio -como consta nun documento notarial-, que instalou no número 25 da rúa do Vilar, no local do antigo estudio dos Palmeiro, que montou Juan e mantivo o seu fillo Manuel, e que os Hermida Cabello collerían como nun traspaso. Alí traballou Luis, supón Castelao, supervisado pola nai ata que esta faleceu antes de cumprir os 40 anos.

Inserción publicitaria do estudio de Luis Hermida atopada na «Gaceta de Galicia» do 2 de agosto de 1886
Inserción publicitaria do estudio de Luis Hermida atopada na «Gaceta de Galicia» do 2 de agosto de 1886 Galiciana

Sobre a circunstancia da herdanza da oficina erixe Castelao unha sedutora teoría, que sitúa a Luis (ou a Juana Cabello) trala cámara que tirou, en setembro de 1884, a última fotografía de Rosalía de Castro, na que a poeta aparece acompañada de Murguía e cinco dos seus fillos no xardín da Casa da Matanza. O investigador lembra que a atribución desta imaxe ao estudio de Juan Palmeiro e Hijos deixa fóra automaticamente ao pai (Juan), que morreu en 1875, e pon en cuestión a autoría do fillo, Manuel, que faleceu o 27 de decembro de 1884. Isto fai dubidar de que tres mes antes Manuel Palmeiro estivera en condicións físicas de desprazarse a Padrón, dado que padecía unha enfermidade paralizante, a tabe dorsal, derivada da sífilis.

Castelao explica que ademais Hermida seguiu usando -por razóns de economía- os cartóns co nome impreso de Juan Palmeiro e Hijos que había no local da rúa do Vilar, como antes fixera o propio herdeiro, Manuel. De feito, o negocio publicitábase como Gabinete fotográfico de Palmeiro; L. Hermida, sucesor, nun intento de aproveitar o prestixio da saga Palmeiro e de facilitar a localización da oficina. Coa débeda contraída pola nai no seu estudio e na compra de equipos para o do fillo, debían facer fronte a empréstitos e non se podían permitir ademais desbotar o stock de cartóns. Por non engadir, incide o historiador, que as copias que se teñen da fotografía de Rosalía foron feitas en abril de 1885, co neno Luis xa titular do despacho.

Mulleres e zaragozanas

De atribuír a Juana Cabello a imaxe de Rosalía, daríase a casualidade de que a primeira foto da poeta (obra de María Cardarelly) e a última estarían realizadas por mulleres, e naturais de Zaragoza.

A morta de Juana o 30 de agosto de 1885 pon o estudio contra as cordas. Durante máis dun ano Luis Hermida lanzou unha serie de promocións e descontos nos prezos. Foi entón o pai quen se implicou no negocio, ao solicitar unha excedencia á capitanía para acometer co seu rapaz unha viaxe por Galicia, para facer un álbum coas fotografías dos edificios e antigüidades máis notables. A iniciativa truncouse, aínda que, sinala Castelao, descoñécense as causas exactas. O que si parece é que serviu para que o fillo exercera a profesión de maneira ambulante, o que os levou temporalmente ata Lugo. As débedas familiares -houbo denuncia xudicial de por medio- fixeron que Andrés Hermida solicitase a reincorporación militar en 1889, xa con destino en Lugo, e que a familia fixara alí a súa residencia. Aquilo puxo fin á actividade de Luis como fotógrafo, e acabou por emular ao pai e facendo carreira no Exército.