As nosas paisaxes

CULTURA

04 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aenorme variedade das moi fermosas paisaxes galegas aínda non está debidamente reflectida nos grandes mostrarios antolóxicos que se publican con certa regularidade, agora tamén en Internet. Chega con ollar na rede 30 paisajes españoles alucinantes para observar que de Galicia só figura a praia das Catedrais, de Ribadeo. Algo perfectamente limitado, insuficiente e, xa que logo, falsificador da realidade.

É certo, quizais, que os primeiros que lle poñemos límites a estes campos somos os propios galegos, que temos unha idea demasiado local e primixenia que nos vencella só aos nosos espazos orixinais ou natais, desatendendo a visión do conxunto de Galicia. Algo lamentable. Porque nos converte en malos coñecedores -e malos divulgadores- da beleza do conxunto da nosa terra. E, por se este mal non fose abondo, a despoboación rural estanos afastando de visitar lugares que foron literalmente paraísos, e que hoxe figuran abandonados e desertos. Unha chea de casas esboroadas e desatendidas dan testemuño dun pasado xa irrecuperable, porque non se recupera o que xa se esqueceu. Camiños de silencio entre árbores e toxais que parecen levar a ningunha parte. Ás veces eu cedo á tentación de seguilos e case sempre acabo por descubrir unha desfeita sentimental, un deserto deshumanizado, un silencio que doe, e unha bandada de paxaros que pasa por riba de todo aquilo coma se fose unha unidade de vixilancia da Santa Compaña. Algo que doe e que acaba por devolvelo a un ás vías de comunicación principais. Porque aquilo que aínda existe xa non está vivo nin é memoria de ninguén.

Eu tiña o costume de converterme nun pequeno explorador que se afastaba das rutas principais para ir en busca desas aldeas perdidas e das súas historias. E nisto gocei moito. Pero deixei de facelo porque os vellos que a min me gustaban xa non están, e os mozos emigraron. Agora só se atopan casas baleiras e case ninguén que saiba dar conta dun pasado cheo de vida. Podería poñer o caso da Corda, que une A Pastoriza, Abadín e Mondoñedo, concellos da miña cosmovisión orixinal. Moitos dos seus espazos naturais deberían figurar nas antoloxías de paisaxes da nosa memoria… Pero algo está a fallar.