«Teño que emigrar para vivir da gaita»

D. Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

«Temos unha riqueza musical incrible», asegura Anxo Lorenzo
«Temos unha riqueza musical incrible», asegura Anxo Lorenzo

O gaiteiro moañés Anxo Lorenzo aposta polas colaboracións de luxo en «Vortex», o seu terceiro disco en solitario

31 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Este é o meu mellor ano», di a modo de resumo Anxo Lorenzo (Moaña, 1974), que vén de editar Vortex, terceiro disco en solitario dunha carreira discográfica que comezara no 2000 co traballo experimental Spíritu 986, unha aposta compartida coa que triunfou e que lle deu o pulo para avanzar coa súa propia música, aínda que non só, como o demostra a inmensa lista de colaboradores que o acompañan agora: Eoghan Neff, Jarlath Henderson, Blackie O’Connell, Ross Ainslie, Andy May, Germán Díaz, Cyril O’Donoghue, Ali Levack, Pablo Lafuente, David Foley e Xavi Aburruzaga, entre outros. Lorenzo leva 20 anos triunfando fóra con propostas nas que tira de tradición e arranxos para «renovar a música tradicional dalgún xeito».

-Por que tanta colaboración?

-Levo moitos anos, toda a vida, tocando a gaita, viaxando e facendo colaboracións con moitas bandas de diferentes estilos, e neste caso apetecíame invitar a eses gaiteiros cos que aprendín moitas cousas. Ao final hai un intercambio de música sempre. No disco hai un tema a catro gaitas con Jarlath Henderson, Ross Ainslie e Andy May, e coas catro xuntas conseguimos un son único, que pode ser a banda sonora dunha película perfectamente. É a primeira vez que se gravan catro gaitas de diferentes tonalidades, sons e estéticas, pero ao final conseguimos esa conexión.

-A que atribúe o éxito fóra?

-Non é un caso excepcional. Hai outros músicos galegos que teñen máis traballo fóra ca en Galicia porque hai un circuíto moi grande de festivais. Levo moitos anos traballando fóra, dende 1996, que foi a primeira vez que estiven en Irlanda, participando no William Kennedy Piping Festival.

-Case só os gaiteiros son quen de saír. A música folk repregou, agás contadas excepcións.

-A gaita é un instrumento que conecta especialmente con diferentes culturas e tradicións.

-Como ve o panorama musical?

-É unha mágoa non ter máis cobertura especializada na música tradicional ou folk. Penso que se están facendo as cousas ben, pero podiamos exportar moito máis o noso, porque temos unha riqueza musical incrible.

-No seu caso, considérase recoñecido?

-Aquí, dentro do mundiño folk e tradicional coñéceme todo o mundo, cada vez máis polo boca a boca. Se cadra non son tan televisivo coma outros e gustaríame tocar máis en Galicia, pero a situación é a que é e non podo loitar contra o sistema. Teño que emigrar para vivir da gaita pero son feliz por estar vivindo da miña paixón. Este ano foi o mellor da miña vida dando concertos e pola proxección internacional. Estiven en máis de 20 países tocando, nos mellores festivais do circuíto folk europeo, vimos do festival máis importante de América do Sur, de Portugal con Blackie O’Connell, un dos máximos expoñentes da música irlandesa... Podo dicir que estou no mellor momento como gaiteiro, gozando de colaboracións con grandes músicos de todo o mundo e viaxando moito. O disco está funcionando ben e as críticas son boísimas. Estou intentando ter un son propio e non ser unha copia de ninguén, algo que é importante e difícil de conseguir.

-Ve isto como recompensa ao traballo de tanto tempo?

-Son moitos anos dedicado á gaita exclusivamente. Nunca tiven outro traballo, algunha vez unha master class. Síntome encantado de axudar e así estar en contacto coas novas xeracións. A cousa pinta ben e cada vez teño máis chamadas para traballar. É o mellor que pode pasar, que non falte nunca o traballo. En xaneiro estaremos no Celtics Conections, o escaparate de música folk máis grande. Hai máis de 2.000 artistas e hai días con 17 eventos á mesma hora en Glasgow, e os 17 están cheos. É enorme a repercusión, hai programadores de todo o mundo. En febreiro estaremos en Madrid, en marzo en Escocia...

-Por que reivindica o whistle?

-Non o reivindico, é un instrumento que me encanta, tócoo dende pequeno e ten a mesma dixitación ca a gaita. Paréceme moi bo para que os nenos comecen, moi barato. Teño envexa cando vou a Irlanda e vexo os cativos tocando o whistle no colexio. É marabilloso como gozan, coidan, respectan e valoran a música tradicional fóra. Aquí é unha mágoa que non se dea esa educación musical. Alí tocan na escola, na familia e no pub, e forma parte das súas vidas. Ves aos nenos co whistle, co acordeón ou co bodhram e aquí é incrible que nunha cidade como Santiago, tan turística, ás veces non teñas a onde ir para escoitar música tradicional. A xente que vén non só quere comer, beber e ver a catedral, senón tamén escoitar música galega, e moitas veces non a atopan.