De Inglaterra a Galicia por corredoira

Publícase en galego a exploración dos escritores Dan Richards e Robert Macfarlane dunha congostra de Dorset, un vello camiño convertido nun «lugar de memoria»

Unha corredoira preto de onde medrou Mcfarlane
Unha corredoira preto de onde medrou Mcfarlane Rosamund Mcfarlane

Redacción / la voz

No 2012, dous escritores, Robert Macfarlane e Dan Richards, xunto cun artista -Stanley Donwood- publicaron unha edición artesanal de Holloway, un breve libro no que daban conta da súa exploración dunha corredoira en Dorset, no sur de Inglaterra. Ao ano seguinte, o selo Faber fixo unha versión comercial do título que se converteu nun inesperado éxito de vendas. Agora Holloway emprende unha nova viaxe coa súa primeira tradución publicada, a versión galega, Corredoira (Kalandraka), como quizais correspondería por dereito a un elemento con vencellos tan íntimos coa paisaxe do país.

O volume relata dúas exploracións da mesma corredoira: a primeira, a que fixo Macfarlane cun dos autores clásicos da divulgación naturalista, Roger Deakin -falecido no 2006-, mentres que na segunda regresou cos coautores do libro. As palabras mesturan paisaxismo, memoria, historia e literatura de viaxes, que dialogan coas ilustracións de Donwood, coñecido polas súas capas para os discos de Radiohead.

Macfarlane con Donwood, nunha corredoira de Dorset
Macfarlane con Donwood, nunha corredoira de Dorset Rosamund Macfarlane

Macfarlane (Oxford, 1976), que imparte clases de literatura na Universidade de Cambridge, está considerado o autor máis visible e recoñecido da nova narrativa da natureza, tanto polos seus libros como polo seu activismo dende a palabra e a acción. Na primavera publicará Underland, unha exploración global do subsolo, un inframundo literario que tivo, precisamente, o seu acceso a través dunha corredoira. «Para min, as corredoiras actuaron como un portal aos mundos baixo a superficie, tanto da terra como da mente», di dos espazos físicos e simbólicos de Underland, resultado de sete anos de traballo.  

O poder do mítico

Pero as corredoiras, os camiños ocos ou baleirados, como di o seu nome inglés, son para Macfarlane moito máis que lugares de paso. Convertéronse en lugares nos que aniña «o poder do mítico ou do máxico», segundo o escritor inglés. Tamén son testemuños desa civilización campesiña que se estendeu por Europa e que agora está a morrer, como recolleu, hai xa anos, outro escritor que tendeu pontes entre Inglaterra e Galicia, John Berger, no seu libro Porca terra. Macfarlane concorda nesa visión labrega da corredoira, pero engade aínda máis matices e funcións. «Esa vella Europa agrícola é unha das culturas que é ‘‘lembrada’’ polas corredoiras. Pero tamén lembran moitas máis cousas: o movemento dos animais, tanto bravíos coma domésticos; as correntes de auga de chuvia durante as tormentas; as pegadas dos camiñantes modernos, dos primeiros peregrinos», enumera. Aínda máis, pode engadir outros moitos usos, intencionados ou accidentais, das corredoiras: «En Gran Bretaña funcionaban como lindeiros dos anglosaxóns. No chan de arenito do norte de Bohemia tiñan un ancho dabondo como para que no século XIX circulasen por elas carruaxes de cabalos. En Normandía empregáronse como refuxio tanto polas tropas alemás como polas aliadas durante as terribles loitas ao longo do bocage logo do desembarco do día D». «As corredoiras son, por empregar unha frase que tomo prestada do gran escritor de lugares Tim Robinson, lugares de memoria profunda».

El escritor Robert Macfarlane
El escritor Robert Macfarlane
As corredoiras representan longos ecosistemas, un labirinto bravío de túneles e plantas

Esta multiplicidade préstase a unha translación literaria na forma de metáforas. «Estes lugares con tantas capas, anoadas á terra por tantas historias e camiñantes, non se poden contar cunha única voz. Entre catro persoas -dous escritores, un artista e un impresor- fixemos un traballo colaborativo, no que envolvemos as voces e os textos de moitos dos que se aventuraran antes que nós por estes vellos vieiros da paisaxe; a algúns citámolos polo seus nomes, outros falan polas nosas bocas», describe Macfarlane.  

As rimas da paisaxe

Ao escritor non o deixa de admirar o éxito que acadou o libro entre os lectores en inglés e como agora abre novas rutas noutros idiomas, empezando polo galego -«fantástico!»-. «Este tipo de ‘‘rimas’’ entre as nosas paisaxes resúltanme emocionantes, nacidas da xeoloxía e mais da cultura. Sabía de corredoiras noutras paisaxes, pero non era consciente das galegas. Por riba de todo, éntrame o desexo de visitar e camiñar Galicia», explica.

Ese hipotético mapa reticular das corredoiras galegas sufriu numerosas amputacións e perdas nas últimas décadas, vítimas de recheos e do asfalto. Macfarlane conmóvese ao escoitar a historia dun galego, quen, logo de cincuenta anos en Venezuela, non se orientaba na súa aldea natal: faltábanlle as corredoiras. «Que momento tan extraordinario e triste!», exclama. «As corredoiras son arquivos de vellas formas de ser, non tanto de xeito sentimental como por converterse en rexistros, que nos lembran que a velocidade dos cambios moitas veces ten un custo elevado», reflexiona o escritor, quen bota man do termo acuñado polo filósofo Glenn Albrecht para describir eses desacougos: solastalxia, «a dor de ver os cambios na paisaxe natal sen nunca abandonala», unha experiencia que engloba e matiza a nostalxia.

Con todo, Macfarlane cre que hai corredoiras que se salvan precisamente polas súas características antigas: demasiado profundas para que pague a pena enchelas, demasiado estreitas para os vehículos modernos. «Son quen de conservar a súa esencia e presenza... grazas á súa rareza», sostén. «Néganse a seren convertidas pola modernidade. E, como tales, representan longos e finos ecosistemas: un labirinto bravío de túneles e plantas, da autoría conxunta de humanos e natureza».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

De Inglaterra a Galicia por corredoira