«Deseucaliptización», elixida polos internautas Palabra do Ano 2018

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O eucalipto débelle o nome ao botánico francés Charles-Louis L'Heritier: o prefixo 'eu' significa «ben» mentres que 'kaliptós' significa «cuberto», en referencia á cápsula das súas flores
O eucalipto débelle o nome ao botánico francés Charles-Louis L'Heritier: o prefixo 'eu' significa «ben» mentres que 'kaliptós' significa «cuberto», en referencia á cápsula das súas flores

O termo impúxose a vocábulos como «feminismo» ou «sororidade»

16 ene 2019 . Actualizado a las 11:23 h.

Deseucaliptización é a Palabra do Ano 2018 para os internautas que participaron nunha nova edición da iniciativa promovida polo Portal das Palabras: dos 5.724 votos recibidos nesta convocatoria, un total de 3.114 foron para o vocábulo, que, curiosamente, tivo o seu reverso, eucaliptización, entre as finalistas do ano anterior. Deseucaliptización impúxose na votación organizada polo Portal das Palabras, un proxecto web da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico galego, a outros termos como feminismo, sororidade, apoderamento, fariña e fascismo.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, destacou onte como as votacións desta iniciativa reflicten dalgún xeito as inquedanzas dos internautas e da sociedade en xeral. Dunha banda, deseucaliptización, como eucaliptización ou vaga de lumes -tamén finalista no 2017-, revela unha preocupación «polo patrimonio forestal galego e os perigos do monocultivo», avogando por «racionalizar a presenza dos eucaliptos no país». Doutra banda, as palabras como feminismo, sororidade ou apoderamento entroncan cun ano no que se viviu con forza a loita pola igualdade plena das mulleres con respecto aos homes. «Estou convencido de que unha amplísima maioría da sociedade galega cre e quere esa igualdade», subliñou Freixanes. «Outra cousa é a letra pequena, conseguir que sexa unha realidade na prosa da vida diaria», engadiu.

AS TRES MÁIS VOTADAS:

-Deseucaliptización: 3.114

-Feminismo: 1.032

-Sororidade: 641

Freixanes tamén se felicitou de que deseucaliptización e eucaliptización sexan neoloxismos -de feito, non figuran aínda no Dicionario da RAG-, xa que demostra o enxeño do idioma por atopar palabras novas que designen aquelas realidades que necesitan de termos para falar delas con precisión. «Demostra a utilidade da lingua e a súa capacidade para crear palabras novas: iso é un idioma vivo, que segue a producir palabras», describe Freixanes. O presidente da RAG exemplifica o traballo continuo do Seminario de Lexicografía da institución, onde examinan propostas para considerar a súa inclusión no Dicionario e a súa pertinente definición. «Estamos a debater, por exemplo, qué palabra pode ser a acaída para falar dunha estación de servizo na que non se sirva gasolina, senón electricidade», explica. «Hai moitas propostas que son sinxelamente brillantes, outras que son discutibles. Hai pouco alguén nos dixo que como era posible que furancho non apareza no Dicionario: que non existise era algo que chamaba moito a atención», engade o presidente.  

Palabras antigas

Para Freixanes, outra manifestación do xenio da lingua é a súa capacidade para recuperar palabras antigas e darlles unha nova vida, polo xeral con novos significados. «Hai xente que aos aeroxeradores dos parques eólicos lles chama virandelos, que é como nos referiamos nós de cativos a eses muíños de xoguete que xiraban co aire», cita como exemplo.

Outros anos foron «afouteza», «irmandade» ou «corrupción»

O Portal das Palabras convoca a votación para elixir o termo máis representativo do ano dende o 2014, ano no que resultou elixida corrupción. Seguíronlle refuxiado/a (2015), irmandade (2016) e afouteza, no 2017. Esta última foi un exemplo de palabra antiga que regresa á actualidade nun novo contexto, xa que figuraba en documentos do século XIV e reviviu vinculada en parte ás campañas de promoción do Celta de Vigo. O ano pasado tamén fora finalista sapoconcho, palabra popularizada por un concursante de Operación Triunfo