As Follas Novas do afastado Oriente

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Tamara Montero

O profesor nipón Takekazu Asaka é quen de traducir ao xaponés o unto, o caldo ou as artesas, e vén de presentar unha escolma de 60 poemas de Rosalía: «Wakaba syuu»

28 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñeceu a lingua galega cando lle luxou as mans de tinta en Madrid apalpando palabras. Onte, nas palmas, nos ollos, levaba aínda postas as letras das que namorou nos 70 diante dun quiosco. Eran outras, porén. Unha presada de 60 poemas. Wakaba syuu. Follas Novas. A fin dunha tarefa titánica que completou o profesor Takekazu Asaka. Traducir ao xaponés a obra completa de Rosalía de Castro. O domingo chegou a canda o seu fillo Hiro a Cambados. Viña directamente dende o Xapón. Logo de 20 horas de viaxe, saíu dos seus beizos unha frase: «Xa traducín toda Rosalía».

«Para traducir esta obra tiven moitas dificultades. A lingua de Rosalía é do século XIX e ten dialectalismos e complexas metáforas», recoñecía Takekazu Asaka, Take, Takiño, a quen Francisco Fernández Rei definía como un brigadista do noso idioma. Na súa tarxeta de visita, porén, di que é o embaixador da lingua galega no Xapón. Era difícil, abofé, pero non se arredou. Non o fixo nin porque «non quería mergullarme en textos tan tristes. Quería cousas con alegría». Con todo, chegoulle tamén a negra sombra. A súa dona finou e dalgún xeito comezou a compartir a dor daquel verso cravado no corazón co que Rosalía escribiu Follas Novas.

En xaponés pódese ler agora Unha vez tiven un cravo. E Negra sombra. E Tecín soia a miña tea. «Follas Novas é difícil, moi difícil, porque é unha lírica complexa na que cómpre afondar no sentido galego». Traducir Miña casiña, meu lar «é traducir o unto», explicaba Anxo Angueira, autor do limiar da edición bilingüe galego-xaponés de Follas Novas. É traducir o caldo. As artesas. Acaso existen as artesas no Xapón?

É tamén traducir un xeito de estar no mundo. «A lírica ten texto moi breve, pero garda moitas profundidades, pensamentos. Sobre todo Follas Novas». Takekazu, Takiño, escolleu 60 poemas dos 137 que compoñen Follas Novas, unha escolma que inclúe versos das cinco seccións nas que se divide a obra de Rosalía. «Evidentemente omitín algúns poemas de calidade por razón de economía e de dificultade, se ben coido que os suprimidos ben poden estar dalgún modo representados nos escollidos».

É unha selección poderosa, de envergadura, extraordinaria, un libro que son cinco libros. Inmenso. Con esa manchea de epítetos definía Angueira Wakaba syuu. O presidente da Fundación Rosalía e autor do limiar recoñecíase incapaz de valorar a tradución, por non saber xaponés, pero si foi quen de poñer os adxectivos acaídos a este libro. A xeira de Takekazu, Takiño, con todo, no remata. Contoullo a Fernández Rei á súa chegada a Cambados. Entre os plans de Takekazu Asaka está unha segunda edición que levará un disco. Precisamente, estalles a aprender fonética galega aos alumnos do curso de galego do conservatorio de música de Toquio para que canten Negra Sombra e outros textos. E pensa tamén en organizar o vindeiro ano un recital de Follas Novas, entre outras cousas.  

«É un dos nosos, e non un calquera», dicía Manuel González durante a presentación. No 2002 e no 2005 encargouse de trasladar ao xaponés Cantares Gallegos. E no 2014 tamén traduciu Contos da miña terra. Tense atrevido con Os Eidos de Uxío Novoneyra e con Ramón Cabanillas e Martín Codax.