Manuel María, nace un dramaturgo

María Pilar García Negro preparou para a fundación do autor chairego a edición dunha obra teatral «á altura da súa produción poética», defende a profesora


Redacción / La Voz

«Nace un dramaturgo para a escena e para a literatura galega. A hipérbole deixa de o ser», pregoa María Pilar García Negro nos comezos do seu prólogo á coidada edición da Obra teatral de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) que preparou para a súa publicación pola fundación que -dende a súa sede na casa-museo de Outeiro de Rei- custodia e pon en valor a figura do autor chairego. Pese a esta celebración, non hai unha chisca de sorpresa na faciana da profesora e escritora luguesa, que lembraba hai uns días como a fins da década dos anos setenta ela mesma promoveu a representación de O auto transcendental da escola tradicional (1976) coas súas alumnas no instituto coruñés Eusebio da Guarda. Xa daquela tiña clara a importancia da dramaturxia de María, e deseguido percibiu o papel basilar que xoga no teatro contemporáneo galego.

En tal camiño, este volume que reúne 33 pezas é unha achega definitiva na recuperación da faceta escénica de María, que, aínda que menos transitada, está sen dúbida «á altura da súa produción poética», di García Negro. Pouco despois do falecemento do escritor, recorda, na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña celebrouse, en novembro do 2005, un congreso sobre a «moi ampla e variada» obra do autor de Muiñeiro de brétemas, e ela elixiu a parte menos tratada, o teatro, sobre o que realizou un relatorio panorámico, consciente da súa relevancia aínda non ben entendida. O filólogo Henrique Rabuñal centrouse nunha parcela máis concreta, os autos. [Ambas as conferencias foron incorporados como apéndices neste libro].

Un traballo moi laborioso

Xa entón, no 2005, lle bulía a García Negro unha idea na cabeza. Ela nunca dimitiu da súa admiración por Manuel María, pero tampouco topaba tempo para dedicarlle ao arduo labor de poñer en limpo a súa obra teatral. «Non só era a revisión e confronto das diversas versións ou a recuperación de textos que faltaban, tamén estaba vixiar a homologación gráfica que el mesmo fixou e deixou disposta para a súa poesía. Era un traballo moi laborioso», subliña. Ata que o curso pasado decidiu interromper outros asuntos para poñerse en serio co proxecto de edición. Non era pouca cousa. Sabía que pasaban de trinta pezas e só unhas poucas foran editadas en libro, algunhas apareceran en xornais (como La Voz de Galicia) ou en revistas e suplementos literarios; e moitas permanecían totalmente inéditas, aínda que unha parte delas si chegaran ás táboas.

O máis fascinante do seu estudo foi verificar a súa grande diversidade, tanto no formato ou na temática como no estilo. E ademais ratificou que non se trataba dun empeño temporal, efémero: a súa dedicación teatral foi continua ao longo da súa vida, como demostran as datacións desde o seu primeiro texto, Auto do taberneiro (1957), ata o derradeiro, Auto do alugado ou O encanto de Raboces (2001). «Son cando menos 44 anos de traballo -di a profesora-. Cando me puxen á tarefa, na relectura de toda a obra, advertín que estaba ante a produción dun escritor experto. Mostraba un dominio dos recursos escénicos, da dramaturxia, da técnica, e un notábel abano de rexistros. Isto non era froito de quen está pensando nunha diversión, nun pasatempo, de alguén que está construíndo algo para entreter», incide.

Autos, dramas históricos, teatro político, farsa para rapaces en idade escolar pero tamén para o público en xeral... Practicou todos os xéneros, e non só na dramaturxia, o que confirma, di a sociolingüista luguesa, a súa modernidade, a de quen «non se impoñía compartimentos estancos» na súas aspiracións creativas. García Negro sente unha satisfacción grande por ver por fin reunidas nun volume as 33 obras, das 35 obras das que se ten coñecemento: das dúas que non están -as primeirizas A luz non volve atrás e As estrelas están lonxe- só se sabe delas porque as menciona nas súas cartas a Ramón Piñeiro, aínda que a profesora non desiste en que algún día aparezan.

O obxectivo: a representación

O obxectivo non explícito do libro é poñer á disposición do oficio escénico galego estas pezas, xa que, como lembra García Negro, «para existir plenamente, unha obra teatral ten que ser representada». Pero tampouco renuncia ao lector porque, di, poden existir só como obra literaria, e, de feito, defende o seu alto valor literario.

A disposición dos textos é cronolóxica -recóllense as datas da escrita e, de darse, da publicación- pola razón de que así é como mellor se albisca unha evolución no autor en canto á estética, aos seus intereses e á súa visión de Galicia e do mundo. Desta maneira é como o lector viaxa, da súa man, desde uns inicios marcados por unha fasquía máis poética cara a uns autos reconvertidos -non a prol da defensa da relixión ou da idea do imperio, que están nas súas orixes na España barroca- para servir «a unha épica do mundo do traballo, da tradición popular e da contestación ao españolismo, e incluso da propaganda do nacionalismo galego». Un sentido similar lle dará ao drama histórico, sexa sobre as revoltas irmandiñas ou -en Abril de lume e ferro, que se escenifica en Carral cada ano- a revolución de 1846. A intención e a vontade, anota García Negro, son unha prolongación das que manexaba Otero Pedrayo, é dicir, a construción dunha teoría de Galicia que se alimenta da investigación xeográfica e histórica pero tamén da ficción. En resumo, insiste a profesora: «El quere facer unha literatura ben elaborada esteticamente pero moi conectada ao propio país, para coñecer mellor a nosa historia específica, para deixar de ser un mero apéndice».

A preocupación de Manuel María «polo destino do ser humano e a súa dificultosa felicidade», así como o tratamento de temas como a emigración, a folga, a súa crítica dos réximes ditatoriais... fan del un autor plenamente vixente, conclúe a editora do libro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Manuel María, nace un dramaturgo