A muiñeira tamén danza no papel

O investigador Serxio Cobos desenvolve os «bailegramas», un sistema de notación para transcribir, rexistrar e compartir os movementos do baile tradicional galego

Serxio Cobos, nun obradoiro de danza tradicional.
Serxio Cobos, nun obradoiro de danza tradicional.

Redacción / La Voz

Igual que as notas musicais teñen unha linguaxe de seu, escrita sobre partitura, tamén a danza dispón de notacións propias -as máis coñecidas son a Labanotación (de Rudolf Laban) e a ideada por Joan e Rudolf Benesh- para transcribir e rexistrar os movementos do corpo. Dende o ano 2010 o docente e investigador Serxio Cobos (Santiago, 1973) vén desenvolvendo un sistema gráfico que permita escribir no papel o patrimonio do baile tradicional galego. Un método baseado en caligramas que vén de concretarse no libro Bailegramas, publicado este mesmo mes ao abeiro do proxecto artístico e educativo é-baile, impulsado por aCentral Folque, e que tamén ten o seu complemento audiovisual en YouTube.

Os bailegramas veñen ser, como os cualifica Cobos, unha «ferramenta» máis o baile tradicional, «que permite darlle forma gráfica sobre o papel ao que se baila». «Cando escribiamos describindo o baile ao final non se entendía, era demasiado extenso e non resultaba nada funcional», lembra. Os bailegramas, pola contra, ofrecen a universalidade dos diagramas que recollen os pasos que acompañan a muiñeiras ou xotas.

Un bailegrama dunha peza recollida en Navia de Suarna
Un bailegrama dunha peza recollida en Navia de Suarna

Este sistema apóiase en diversos elementos gráficos. Algúns dos símbolos inspíranse na estela dos movementos, «como se colocases unhas luceciñas nos nocellos e puideses ver as evolucións do corpo a cámara lenta con moito tempo de exposición», exemplifica Cobos, quen tamén tirou símbolos dos propios bailes: un «v» representa o valse, por exemplo. Doutra banda, o básico «tacón, punta, tacón» transfírese ao papel coa imaxe dun zapato, co acento marcado en cada fase do paso.

Algúns dos símbolos dos bailegramas codificados por Serxio Cobos
Algúns dos símbolos dos bailegramas codificados por Serxio Cobos

Ademais do sistema de notación, este método dispón dun valioso aliado: o papel. Fronte á imparable dixitalización, nun mundo, ademais, no que case todos levan unha cámara co móbil no peto, a conservación tradicional ofrece vantaxes. «As gravacións dixitais, son importantes, pero antes dos actuais formatos xa había os vídeos VHS, que quedaron obsoletos. Hai que ter en conta a caducidade dos soportes», explica, xa que hai rexistros almacenados en medios populares hai anos pero que agora dan problemas para a súa reprodución. «Ademais, tamén é importante poder aprehender o que ves na imaxe, miralo, estudalo, levalo contigo, ter un referente físico», engade Cobos.

Os bailegramas revelan a súa utilidade en ámbitos como o investigador, permitindo unha rápida e precisa comunicación dunha determinada peza, así como na docencia. «Está claro que ninguén aprende un baile sobre o papel, para iso están as clases. Pero logo podes repasar ou volver sobre el, e para iso si que é útil a transcrición», exemplifica o especialista.

Unha transcrición que tamén é unha mensaxe para o futuro e, xa que logo, un xeito de asegurar a transmisión e existencia do baile tradicional galego para un futuro distante. Con todo, Cobos aclara que se ben se perderon cousas, o traballo de investigación e recollida dos últimos anos, unido a condicións socias e económicas prexudiciais para unhas cousas, pero que en cambio favoreceron a conservación deste patrimonio, permitiu un alto grao de conservación.

Vexo un gran interese na mocidade pola música e baile tradicionais, pola gaita, o canto e pandeireta

Mirar para o futuro non significa descoidar o presente, que Cobos atopa vizoso e estimulante. «Vexo un gran interese na mocidade pola música e baile tradicionais, pola gaita, o canto e pandeireta», entusiásmase, sobre todo porque non aprecia impostura, senón naturalidade. «Hai pouco asistín na sala Nasa a unha gaiteirada con duascentas persoas e estaba claro que todos tiñan asumido como natural que aquela era a súa festa», lembra.

Arredor de Bailegramas e o proxecto é-baile hai programadas actividades, promovido pola Deputación da Coruña, que tamén teñen unha compoñente festiva. Este sábado en A Pontraga, Tordoia, celebrarase a partir das seis da tarde un curso de baile con Luís Prego, un concerto de Tralo-Valo e unha foliada aberta, mentres que o seguinte sábado, día 29, en Oza, Carballo, o curso de baile será impartido por Cobos, e o concerto, por el mesmo con Óscar Fernández e Mercedes Prieto, de novo cunha foliada aberta como colofón.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Tags
Comentarios

A muiñeira tamén danza no papel