Unha mostra confronta os distintos vieiros renovadores de Seoane e Laxeiro

As súas fundacións colaboran para exhibir un cento de debuxos de ambos os artistas

Obra de Laxeiro de 1937 sen título
Obra de Laxeiro de 1937 sen título

redacción / la voz

Dende que Laxeiro e Luís Seoane se coñeceron en 1984 en Madrid nunha exposición do primeiro, ambos os artistas sintonizaron axiña. Non se trata só dunha proximidade cronolóxica -Laxeiro nacera en 1908 e Seoane dous anos despois- e dun decorrer biográfico que os levou a ambos a Bos Aires, por exemplo, senón que compartían as mesmas arelas de renovación pictórica. Non obstante, eses vieiros anovadores partiron dun desexo común pero evolucionaron en direccións diferentes, mais complementarias.

As fundacións de ambos os artistas colaboran agora na exploración deses percorridos cunha mostra, Laxeiro-Seoane. Cruce de camiños. Debuxos 1930-1950, que se inaugura o vindeiro mércores 19 na sede coruñesa da Fundación Seoane. Comisariada por Silvia Longueira e Javier Pérez Buján, a exposición reúne un cento de obras , cun amplo protagonismo do debuxo, un medio acaído para amosar os procesos de maduración que experimentaron neses decenios decisivos. Como membros destacados do grupo dos Novos, dalgún xeito tamén reflicte as inquietudes dos artistas galegos coetáneos. «Rexeitaban o folclorismo estereotipado e académico e procuraban referencias na rica tradición escultórica románica e barroca galega, ademais de adoitar cores escuras e terrosas, acordes cunha concepción atlantista da luz, coa que recreaban temáticas inspiradas na cultura popular pero afastadas dos arquetipos tan utilizados pola xeración anterior á que rexeitaban», escriben os comisarios.

Ese interese polo popular é un dos puntos en común máis visibles entre Seoane e Laxeiro, aínda que ambos lle darían cabida nas súas creacións con enfoques diferentes. Mentres Laxeiro amosaba a súa predilección polos tolos, os marxinados e os nenos, Seoane orientaba as súas estampas segundo o seu compromiso político. A muller, as romarías ou os labregos son constantes que agroman unha e outra vez nas obras de ambos.

En boa medida, as diverxencias que se foron dando de xeito natural nas súas traxectorias pictóricas obedecen ás súas propias personalidades. Partindo dun referente compartido como Picasso ou o expresionismo, Laxeiro achégase á fabulación e ao pensamento máxico, mentres que Seoane moverase cara a unha concepción máis analítica da pintura, que desembocará na súa coñecida esquematización de formas e cores. Distintos puntos de chegada para dous dos artistas galegos máis importantes do pasado século.

Achegamento biográfico e artístico arredor de Maruxa Seoane

A Fundación Seoane inaugurou onte Maruxa Seoane: achegamento a M.ª Elvira Fernández López, un proxecto expositivo que afonda na figura da compañeira vital de Luís Seoane, e quen ademais desempeñou un papel crucial na recuperación do legado do artista trala súa morte en 1979.

Comisariada por Juan de la Colina -autor tamén dun documental sobre Maruxa-, a mostra reúne óleos e debuxos orixinais de Seoane dedicados a Maruxa ou inspirados directamente nela, así como outras obras emblemáticas do legado que ela deixou á fundación que leva o nome do artista. Estas compleméntanse cunha proxección dixitalizada das pezas de Seoane que a súa viúva doou á Real Academia Galega e ao Museo de Belas Artes.

De especial interese é a recreación da vivenda de Maruxa, con exposición das pinturas, gravados, debuxos e fotografías dos que se rodeou, moitos de Seoane, pero tamén de Laxeiro, por exemplo. Isto compleméntase cun audiovisual con imaxes da casa de Seoane e unha cartografía das mulleres destacadas no círculo de amizades da parella.

Luís e Maruxa comezaron a relación cando el tiña 17 anos e ela 15. Despois de estudar el Dereito en Santiago e ela Comercio na Coruña, participan na vida cultural e política, afiliándose ao Partido Galeguista. Seoane exíliase en 1936 por mor da Guerra Civil en Bos Aires, onde pouco despois se reúne Maruxa con el, tras casar por poderes. Neste período ela ocúpase das infraestruturas necesarias para os proxectos artísticos e editoriais, o que converte á parella en dinamizadores da cultura galega e do exilio en América. De volta en Galicia a partir de 1963, ambos se implican no Laboratorio de Formas do Castro e Sargadelos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Unha mostra confronta os distintos vieiros renovadores de Seoane e Laxeiro